Martes, 16 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Baiona Baiona asistiu á noite con máis “estrelas e lobos” da súa historia.

Baiona asistiu á noite con máis “estrelas e lobos” da súa historia.

Correo-e Imprimir PDF
006-cara-foxo-pedrinho
004-no-montouto
  • Anterior
  • 1 of 2
  • Seguinte

Con máis de medio milleiro de asistentes celebrouse na tarde-noite do mércores a tradicional Xeira do Instituto de Estudos Miñoranos coñecida como a “Noite de estrelas e lobos”.  Dende cedo o público ocupou ata encher todos os recunchos da estrada Baiona - O Rosal á altura de Chan da Lagoa. Ante a mirada estrañada das rubias e garranos que pastaban na zona, centenares de coches comezaron a trepar a estrada provincial 2205 cara ao Corteliño onde as vistas panorámicas dende o Montouto abraiaron aos participantes alén do Val Miñor e deron pé a presumir aos locais. En caravana remontaron cara á Cruz de Pau onde a fileira de lanternas alcanzou os dous quilómetros nunha apertada marcha cara o Foxo Pedriño, onde tivo lugar unha explicación e reconstrución etnográfica da caza do lobo e posteriormente unha observación astronómica.

 O percorrido contou co equipo de guías do IEM,esta vez integrado polo arqueólogo  Xosé Lois Vilar e o profesor Xilberte Manso. Tamén coa asistencia dun equipo de espertos da Agrupación Astronómica Rías Baixas liderados por Julio Pereira Navia para transportar ao público nunha viaxe imaxinaria pola ancestral Serra da Groba, e rematar coa Bágoas de San Lourenzo, entrada a madrugada do mércores.

O que se viu

Fisterra. Aínda que dende días atrás polemizábase nas redes se era posible divisar Fisterra dende a caseta forestal do Montouto, o feito confirmouse coa axuda duna tardiña co ceo aberto e sen bruma. Alí Xilberte Manso describiu un a un cada accidente xeográfico e a marabillosa escada natural que dende o Lourido, pasando por Monteferro e o Maúxo , saltando a costa da Suavela permitía divisar os cumios de Fisterra. Xosé Lois Vilar achegou os nomes dos lugares cunha memoria prodixiosa capaz de lembrar o nome de cada pedra espallada polo mar e leiras circundantes de toda a paisaxe visible.

A caza do lobo. Remontando a Groba os centenares de coches apañáronse na entrada á Cruz de Pau onde houbo que transitar dous quilómetros e medio a pé ata chegar ao restos do Foxo Pedriño. Alí, outra vez Xilberte Manso e Xosé Lois Vilar achegaron un feixe de historias, lendas e datos que no entorno dunha noite especialmente estrelada foron seguidas con interese polos asistentes. Tras contextualizar o valor etnográfico do foxo, as diversas pegadas que os lobos deixaron nos habitantes da Groba, así como o valor da súa presenza como especie  –aínda os medos que metía aos paisanos-  tivo lugar unha reconstrución da forma en que eran cazados polos devanceiros. Brincadeira  na que participaron os membros do público.

As Bágoas de San Lourezo. Uns poucos metros por enriba do foxo, nun escenario ideal para contemplar o ceo, Julio Pereira achegou o mundo da astronomía, repasou constelacións, planetas e demais obxectos visibles do ceo. A entrada fugaz de meteoros tamén provocou momentos impagables para os centos de asistentes que tiveron a posibilidade de albiscar o que en próximos días poderán gozar coa choiva de estrelas coñecidas como as Bágoa de San Lourenzo (As Perseidas).

Para finalizar as actividades da noite, os membros da AARB esperaban aos que ían baixando do Foxo Pedriño con telescopios localizados a poucos metros da carreteira. Aínda que moitos chegaron a esta parte cos últimos folgos, os visitantes puideron contemplar a través dos instrumentos obxectos estelares fascinantes como cúmulos de galaxias,  os aneis de Saturno, a Lúa e as lúas de Xúpiter. Unha parada especialmente disfrutada polos cativos.