Tanxarina representará “Trogloditas”, a súa última produción, o sábado no Auditorio Lois Tobío

Imprimir
trogloditas_web

Comeza a Mostra de Mazo de teatro, organizada pola Concellería de Cultura de Gondomar. O espectáculo dará comezo ás 18.00 horas no Auditorio Municipal Lois Tobío. As entradas teñen un prezo de 2.5 euros. A compañía redondelana Tanxarina será a encargada de abrir a Mostra de Marzo da Concellería de Cultura de Gondomar con “Trogloditas”, o seu último espectáculo. A función será o sábado 19, Día do Pai, no Auditorio Municipal Lois Tobío. O ciclo de teatro desenvolverase durante todo o mes e conta coa colaboración da Agadic, a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia.

En “Trogloditas” tres homes das cavernas convídannos a entrar no primeiro teatro da prehistoria: a cova. Alí os espectadores poderán asistir a un cómico espectáculo cheo de humor e tolería. Da man dos monicreques e das súas primitivas habilidades, mostrarán a singular forma de vida dos nosos antepasados máis divertidos. Cunha sorprendente ambientación, o uso dunha orixinal linguaxe e unha prehistórica escenografía, converten a “Trogloditas” nun dos espectáculos familiares máis divertidos dos últimos tempos. Escrita e dirixida por Tanxarina e Evaristo Calvo, o seu elenco está formado por Miguel Borines, Eduardo Rodríguez 'Tatán' e Andrés Giráldez. A obra, de 50 minutos de duración, está dirixida a nenos maiores de 5 anos de idade.

Día Mundial do Teatro

A Mostra de Outono continuará o venres 25 con “Frantasmas” da compañía Acontrabutaca. Con esta representación dará comezo a fin de semana de conmemoración do Día Mundial do Teatro. A comedia, codirixida por David Ottone de Yllana, é unha parodia das historias victorianas de asasinatos onde o espectadora terá un papel fundamental. Será ás 22.00 horas.

Fulano, Mengano e Citano regresarán a Gondomar o sábado 26 ás 22.00 horas coa súa sátira sobre a situación económica actual “Viva a Crise”. O grupo vigués foi un dos grandes triunfadores da Mostra de Outono. Xa o domingo 27, Día Mundial do Teatro, o grupo Talía representará en Gondomar a obra familiar “Valentín Rufini e Akíl Pillaban de viaxe en Milán”, será ás 18.00 horas.