Candido Pazó chega ao auditorio Lois Tobío con " Memorias das Memorias dun Neno Labrego”.

Imprimir
MEMORIAS-DUN-NENO-LABREGO

“Memorias das Memorias dun Neno Labrego” é o nome do espectáculo que abrirá mañá venres, 6 de maio, a nova programación de teatro da Concellería de Cultura do Concello de Gondomar no Auditorio Municipal. Protagonizada por Cándido Pazó, autor do texto e director da obra, trátase dunha adaptación do clásico da literatura galega “Memorias dun neno labrego”, de Xosé Neira Vilas. Con este espectáculo Pazó rende homenaxe o texto orixinal no 50 aniversario da súa publicación. A representación de “Memorias das memorias...”, será ás 22.00 horas. O prezo da entrada é de 3.5 euros, á venta desde unha hora antes na taquilla do Auditorio Municipal Lois Tobío.

“Memorias das memorias dun neno labrego” é un espectáculo emotivo e divertido no que se combina a experiencia de Cándido Pazó como home de teatro coa súa recoñecida traxectoria como contador de historias. Elaborado como unha proposta teatral, directo e ameno como un monólogo cómico, a obra está dirixida a tódolos públicos, xa que o clásico de Neira Vilas é unha obra de lectura recomendada nos colexios.

A proposta de Pazó conta cun gran atractivo visual, apoiado por un coidado traballo de videocreación que, xunto coa iluminación, debuxa para o espectador unha suxestiva escenografía das emocións. Ademais, cada momento e cada situación ten a súa sonoridade da man dunha proposta musical composta para a ocasión.

A Mostra de Teatro de Maio celébrase en colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.