O xornalista Iago Martínez e o cineasta Alexandre Cancelo falan de Lois Pereiro e da súa obra no IEM.

Imprimir
lois

O próximo martes 10 de maio, as 20h na Aula de Cultura "Ponte de Rosas" sede do Instituto de Estudos Miñoranos, o xornalista Iago Martínez, que entre outras redaccións traballou na de O Miñor con Nano Cambeiro e na actualidade é xefe de Cultura de Xornal de Galicia, presentará o seu libro Lois Pereiro. Vida e obra (Xerais) e o guionista e director Alexandre Cancelo falará do documental Contra a morte. Unha aproximación a Lois Pereiro que escribiu e dirixiu xunto a Iago Martínez. O acto será presentado pola membro da Xunta de Goberno do IEM, poeta e profesora Marta Dacosta. Ao remate do acto haberá unha cea cos convidados no Pazo da Escola de Mañufe, os interesados en asistir terán que reservar praza  no 986 360 575 (pola tarde) ou no 680 644 490; sempre antes do luns pola noite. A Aula Ponte de Rosas atópase na Avenida da Feira, Nº10 baixo, Gondomar.

Iago Martínez

Iago Martínez (Vigo, 1979) é xornalista. Traballa como xefe de Cultura en Xornal de Galicia, onde tamén coordina o suplemento dominical Contexto, e escribe regularmente en Rockdelux e ProTexta, a revista de libros de Tempos Novos, da que foi coordinador e editor durante varios anos. Comezou os estudos de Filosofía na Universitat de Barcelona e licenciouse en Ciencias da Comunicación na de Santiago. Até agora pasou polas redaccións de O Miñor, Atlántico Diario, 20 Minutos e Tempos Novos e colaborou en Mondosonoro e a edición galega de El País. Como investigador ten publicado traballos sobre a obra xornalística de Carlos Casares, da que é compilador, e o tratamento da violencia de xénero nos medios de comunicación. No campo audiovisual escribiu e dirixiu xunto a Alexandre Cancelo o filme documental Contra a morte. Unha aproximación a Lois Pereiro, que se estreará ao longo deste ano. Lois Pereiro. Vida e obra (Xerais, 2011), unha biografía do poeta, é o seu primeiro libro.

O libro

Título: Lois Pereiro. Vida e obra (Xerais, 2011)

Texto da contracuberta: Lois Pereiro (1958-1996) foise antes de tempo, aos 38 anos. Prometérao na súa adolescencia: “Quero escribir un libro e morrer novo, como Manuel Antonio”. Ao final escribiu máis dun. A súa obra, e en concreto a súa poesía, constitúe unha das mostras máis auténticas e dolorosas da literatura galega. Para Lois Pereiro o corpo foi o seu campo de batalla e o argumento da súa poesía. Envelenado dúas veces, aos 36 anos diagnosticáronlle a SIDA. Marcado xa para a morte decidiu, contra todo prognóstico, seguir vivo para sempre na súa obra e nos soños dos que o seguiron querendo. Lois Pereiro. Vida e obra é a proba de que o conseguiu. Neste volume, o xornalista Iago Martínez aborda a biografía dun autor tan admirado como descoñecido, e faino dende a complicidade, cunha prosa áxil e directa, combinada cun minucioso labor de documentación. As súas páxinas adéntranse, con rigor e sensibilidade, no universo persoal de Lois Pereiro e ofrece claves culturais e literarias fundamentais para interpretar a súa poesía. Lois Pereiro. Vida e obra revela o ser humano que hai detrás do mito contemporáneo das letras galegas.

O DOCUMENTAL

Título: Contra a morte. Unha aproximación a Lois Pereiro

Guión e dirección: Alexandre Cancelo e Iago Martínez

Producida: IB Cinema, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellaría de Cultura e a Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales (SECC) do Ministerio de Cultura e Televisión de Galicia coa colaboración da Deputación de Lugo e o Concello de Monforte

Duración: 55 minutos

Axudante de dirección: Xes Chapela

Imaxe: Vanesa Amoedo, Justo Guisasola, Antonio Romano Leggieri, Alexandre Cancelo e Iago Martínes

Montaxe: Alexandre Cancelo

Son: Roi Gil

 

Descrición. A película é froito de cinco anos de traballo, boa parte deles dedicados a investigar a vida e a obra de Lois Pereiro (Monforte, 1958-A Coruña, 1996). O relato, que devén un retrato xeracional urxente e impresionista, como visto dende un tren, está construído a partir de trinta testemuños, dende escritores a amigos do poeta sen ningunha relación coa literatura.

Alexandre Cancelo (Vigo, 1978) estudou guión e dirección na AICB de Barcelona, especializándose en documental e formatos televisivos no Taller del Guionista. A partir de aí céntrase case exclusivamente nos seus estudos de guión, sendo o documental a base da súa formación en seminarios con profesionais do talle de Lech Kowalski. Acude tamén a un curso centrado nas diferentes facetas da produción e dirección de documentais a cargo de Isaki Lacuesta no Observatori de Barcelona. Máis recentemente realiza no CGAI o curso La Ficción Documental co actual director do BAFICI, Sergio Wolf. Nos últimos anos combina o seu labor como xefe de prensa de diferentes festivais, primeiro do Festival AMAL e actualmente do Festival Sinsal, con traballos no audiovisual. Na actualidade traballa como guionista para Zinqin Audiovisual en diferentes proxectos que se irán concretando nos próximos tempos.