Dous astronautas aterran en Galicia en “Go On!”, mañá venres na Mostra de Teatro de Maio

Imprimir
go-on-malasombra

“Logo da chegada do home á lúa á humanidade só lle faltaba un reto: a chegada do home a Galicia. No ano 2010 (ano 25 despois de Gayoso), dous intrépidos exploradores tiveron o valor de adentrarse nas descoñecidas terras galaicas a través da ruta xacobea”. Así se presenta “Go On!, o último espectáculo da compañía teatral estradense Malasombra. Escrita por Xosé Luis Prieto e dirixida por Marcos Osi (autores das exitosas “O día do pai” e “Nunca foi tan fácil”) a comedia é un divertido percorrido pola xeografía, refráns, costumes e clixés de Galicia. A obra está protagonizada por Jouse García e Xoque Carbajal.

A representación de “Go On!”, será o venres 13 ás 22.00 horas. O prezo da entrada é de 3.5 euros, e venderanse desde unha hora antes na taquilla do Auditorio Municipal Lois Tobío.

Teatro familiar o sábado

Por outra banda, a compañía de teatro infantil Caramuxo presentará o sábado 14, ás 18.00, “Mensaxe sen botella”. Trátase dunha emotiva historia sobre a amizade, o amor entre dúas persoas ben distintas que teñen que aprender a comprenderse.

A Mostra de Teatro de Maio celébrase en colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.