Espazo Lectura organiza unha observación astronómica nocturna dentro do club Lendo Contigo.

Imprimir
universo-con-libro

A Agrupación Astronómica Rías Baixas encargarase de guiar a actividade que terá lugar na tarde-noite do venres 27.

Este venres 27 de maio, a partir das 21:00 horas, terá lugar a sesión mensual do Club de Lectura Compartida Lendo Contigo na Biblioteca Municipal de Gondomar. Nesta ocasión, o libro que centrará a actividade é Un veciño cheo de sorpresas de Víctor Raga, publicado dentro da colección O Club da Ciencia de Edicións Xerais.

Farase unha observación astronómica nun monte veciño

A partir desta historia, que divulga dun xeito ameno conceptos relacionados co Universo, desenvolverase un programa especial de despedida de tempada que culminará coa saída ao monte Cepudo (preto do Alba) para realizar unha observación de estrelas guiados pola Agrupación Astronómica Rías Baixas.

O programa comeza ás 21.00 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar, alí falarase do libro de Víctor Raga, e Francisco Novoa, presidente da Agrupación Astronómica Rías Baixas, fará unha pequena charla divulgativa para explicar o que imos ver no monte.

Arredor das 22.00 horas farase unha merenda-cea nun parque de Gondomar e, arredor das 23.00 horas, trasladarémonos ao monte Cepudo, onde estarán agardando tres membros máis da Agrupación con telescopios para poder facer unha observación astronómica.

Con esta sesión, o Club de Lectura dedicado a nenos e nenas de 8 a 12 anos, e seus pais e nais, e organizado por Espazo Lectura remata a tempada 2010-2011. A actividade, que congregou ao longo do curso unha media de 20 nenos e nenas acompañados das súas familias, reanudarase tras o verán.

O libro

Un veciño cheo de sorpresas é o primeiro número da interesante colección de divulgación científica editada por Xerais O Club da Ciencia.

Martiño e Helena, os protagonistas desta serie, cóanse na terraza do señor Viramontañas. Gustaríalles ver as estrelas a través do seu telescopio. Pero o seu veciño ten un problema moi gordo e teñen que axudarlle a resolvelo. En troques, o señor Viramontañas ensinaralles os misterios marabillosos do Universo.