Poesía e punk para apoiar aos medios en galego

Imprimir

Santiago de Compostela, 19 de Abril de 2012.- Vitaminas para o Galego, a plataforma na que colaboran 24 medios de comunicación na lingua propia, organiza un festival artístico o vindeiro venres 27 de abril en Compostela. O evento inclúe un recital poético presentado por Xía Arias e que estará a cargo de Olalla Cociña, Alicia Fernández e Gonzalo Hermo, seguido dun concerto do grupo punk de Muros Terbutalina.

 

Todos os beneficios do festival serán destinados a sufragar o mantemento da propia campaña e dos medios en galego, que nos últimos anos sufriron importantes baixas. As entradas saen a só 4 euros (5 o día do concerto) e haberá unha fila cero para os que queiran colaborar aínda máis a 10 euros. O concerto será no Centro Social A Gentalha do Pichel, onde se poden mercar as entradas, ademais de na Reixa, Casa das Crechas e Restaurante Rúa.

No mesmo festival darase conta do proxecto en marcha de cara ao gran evento do 17 de maio, que Vitaminas para o Galego está preparando co gallo do Día das Letras Galegas. A actuación é a primeira iniciativa da segunda fase da campaña, lanzada este inverno. A primeira fase logrou duplicar o obxectivo de recadación inicial, inxectando 6.800 euros grazas a colaboración de case 200 mecenas.

A campaña Vitaminas para o Galego está artellada polos medios de comunicación: Galicia Confidencial, Tempos Novos, Radiofusión, Praza Pública, Novas da Galiza, Val Miñor.info
 e Quepasanacosta.

Colaboran ademais Xornal Certo, O Sil.info, Crónica 3, Radio Nordés, Terra Chá.Xa, Crónicas da Comarca , Surf GZ, Cardenos de Comunicación e Análise,Lalín e Comarca, Hermes e Atenea , Disquecool, De Luns a Venres, Cabozo.com, Vencello,Cartafol, A nova Peneira , Programa radio Plástico Elástico, Cerne, terra de Melide e Gaceta de Fene.

A iniciativa diríxese a todas as persoas que queren contribuir a que o idioma propio de Galicia adquira un rango social de normalidade. Para logralo, resulta impescindíbel a existencia dunha pluralidade de medios de comunicación en galego.

Máis información sobre o festival na seguinte ligazón http://bit.ly/IS4voq