Presentación do libro "Do idilio á diáspora", de Carlos López Bernárdez.

Imprimir
carlos-bernardez

- A obra analiza a evolución da plástica galega dende os albores do século XX até os anos cincuenta.

- O acto terá lugar na Fundación Laxeiro, o mércores 25 de abril ás 20 horas.

- Participarán, Carlos López Bernárdez, Nieves Loperena (Coordinadora Xeral da Editorial Nigra Trea) e Javier Pérez Buján (Director Artístico da Fundación Laxeiro).

- A Fundación Laxeiro sitúase na Rúa Policarpo Sanz, nº 15, 3º. Vigo

O vindeiro mércores, 25 de abril, terá lugar a presentación do libro Do idilio á diáspora, modernidade e compromiso na pintura galega de Castelao a Seoane, escrito por Carlos López Bernárdez. Unha novidade editorial de Nigra Trea na que se fai unha análise interesante, amena e rigorosa, da evolución da plástica galega desde os albores do século XX até os anos cincuenta e unha contextualización das linguaxes de renovación estética que, desde Galicia ofreceron a súa propia visión da contemporaneidade, nun período no que a axitación das vangardas internacionais mudaron a relación da arte co mundo. Para falar de todo isto, contarase co autor do libro, Carlos López Bernárdez, o Director Artístico da Fundación Laxeiro e a Coordinadora da editorial Nigra Trea, nun acto no que, ademais de aportar as ideas básicas da obra, o público asistente terá a oportunidade de participar no coloquio final.

Esta obra é un percorrido polo camiño seguido pola pintura galega desde os primeiros anos do século XX até os anos cincuenta, desde o costumismo rexionalista, de influxo modernista e simbolista, até o desenvolvemento pleno do movemento renovador da arte galega coñecido como Os Novos.

Este vieiro amósasenos definido por tres esteos fundamentais:

- A procura dun ideal, en que se insire a propia definición e creación dunha escola de pintura galega, diferenciada da española

- A asunción dunha estética nacional e o seu desenvolvemento no período inmediatamente anterior á guerra civil

- A difícil continuidade no exilio americano e interior coa superación do modelo de base romántica que serviu de alicerce para a creación dunha arte nacional, sen renunciar aos valores sociais e identitarios.

O autor.

Carlos López Bernárdez (Vigo, 1958) é historiador de arte e profesor de lingua e literatura galegas. Ensaísta de temas literarios e artísticos, é autor de libros como Breve historia da arte galega (NigraTrea, 2005); Maruja Mallo, a pintora da nova muller (NigraTrea, 2010) ou Bestiario en pedra. Animais fantásticos na arte medieval galega (NigraTrea, 2004), este último realizado en colaboración con Xosé Ramón Mariño Ferro. Como comisario de exposicións levou a cabo proxectos como Diáspora, Dez artistas galegos no exilio latinoamericano (marco-Fundación Luís Seoane, 2005, Vigo e A Coruña); De Vigo a Bos Aires. Laxeiro e a pintura galega de posguerra (Fundación Lexeiro-Parlamento de Galicia, 2008, Vigo e Santiago de Compostela); Quiñones de León. Unha nova pinacoteca para Galicia (Museo da cidade Quiñones de León, 2010, Vigo); O fermoso rostro do pais (Pinacoteca Fernández del Riego, Museo Quiñones de León, Vigo) ou Faces do país. O retrato en Galicia, 1890-1950 (Fundación Novacaixagalicia, 2011, Santiago de Compostela e Pontevedra). Colmeiro. Paisaxe que sabe a pan. Círculo de las Artes, Lugo, 2012