Noite de petróglifos e música na Estación Arqueolóxica de Outeiro dos Lameiros (Baiona).

Imprimir

outeiro-dos-lameiros-Xeira do IEM polos petróglifos de Outeiro dos Lameiros e recital de arpa de Marta Quintana.

Unha visita nocturna á Estación de Arte Rupestre do Outeiro dos Lameiros será o próximo obxectivo dunha nova Xeira do Instituto de Estudos Miñoranos. A mesma terá lugar o vindeiro mércores 18 de xullo, e o punto de encontro será a carón do cemiterio de Sabarís ás 22 horas, dende onde se partirá en caravana de coches cara o xacemento. A noite terá unha convidada especial: a arpista Marta Quintana a que brindará un concerto ao pé dos petróglifos.

Os arqueólogos Xosé Lois Vilar e Eduardo Méndez serán os encargados de guiar aos visitantes polos distintos conxuntos rupestres situados a poucos metros do encoro de Baíña (Baiona) .

Arte esquemática, xeométrica e un panel de antropomorfos de 15 metros de longo e cinco de altura, permitirán tomar contacto directo cunha escolma máis que representativa dunha arte estimada nos 4000 anos de antigüidade.

marta-quintanaPosteriormente á percorrida arqueolóxica, a viguesa Marta Quintana dará un concerto de arpa, onde interpretará temas do seu último traballo discográfico "Amable".

Como é tradicional, a Xeira é totalmente gratuíta para o público asistente e terá unha duración aproximada de dúas horas. Recoméndase levar roupa apropiada para o monte. Áínda que a Estación Arqueolóxica está musealizada, e a andaina non presenta dificultades, é conveniente tomar as seguintes previsións:

- Calzado cómodo, abrigo e pernas cubertas.

- Lanterna

-Auga e algún petisco (o monte da fame).

A Xeira conta coa colaboración desinteresada dos veciños da Comunidade de Montes de Santa Cristina d'A Ramallosa, en cuxos terreos atópase a Estación Arqueolóxica de Outeiro dos Lameiros.