O vindeiro domingo os miñoranos en Uruguai celebran a Romaría das parroquias do Val Miñor.

Imprimir
18451 evento_0

Os miñoranos radicados en Uruguai preparan unha gran romaría co xeito de fornecer os seus lazos na diáspora e rememorar as súas tradicións da terra nai. O senlleiro Centro Social Cultural y Deportivos de Bolos Valle Miñor, situado na rúa Julio César, Nº 1431 do tradicional barrio de Pocitos (Montevideo), será a sede do encontro.

 

Ao mediodía celebrarase unha misa en honor aos santos patróns do Val e máis tarde terá lugar un xantar de confraternidade amenizado por grupos da música tradicional galega, integrados por músicos locais.

Montevideo, cidade de acollida para milleiros de miñoranos que embarcaron cara a ela ao longo de case un século, conta con doce asociacións galegas, das cales dous son orixinarias do Val Miñor -o citado Club de Bolos e a Unión Hijos de Morgadanes- así como unha de carácter provincial o Club Pontevedrés. Todas elas pertencentes á Unión de Sociedades Gallegas del Uruguay.