350 nenos participarán nos “Contos na Coelleira” para celebrar o día do libro en Gondomar

Imprimir

 

Este próximo martes 23 de abril, Día Internacional do Libro, Espazo Lectura, coa colaboración do Concello de Gondomar, organiza Contos na Coelleira, unha acción lectora escolar na que van participar 350 nenos e nenas de sete colexios da zona: CEIP Souto-Donas, CEIP Chano Piñeiro, CRA Antía Cal, CEIP Serra-Vincios,  CEP Neira Vilas (Peitieiros), CEP de Sabarís e CEIP Carlos Casares (Vilariño). Esta actividade forma parte da programación especial que Espazo Lectura ofrece en Gondomar desde o 22 ata o 27 de abril para celebrar a Semana do Libro e a Lectura.

Primeira Parte: contos compartidos.

 A actividade comezará ás 10:30h no Parque da Coelleira, en Gondomar. En sete zonas habilitadas por todo o parque, os colexios compartirán contos uns cos outros. En cada punto, unha profesora de cada colexio contará un conto tres veces e os nenos e nenas, organizados en quendas, moveranse polo parque escoitando os diferentes relatos. En cada zona serán recibidos polo voluntariado de Espazo Lectura que lle dará vida aos personaxes das historias que os nenos e nenas van escoitar: Nadarín, Carabuñas, O paxaro Pico, Rosa Caramelo, Rato Tom e rata Tomasa, O País dos mandóns e O gato na árbore.

Segunda parte: Fantoches Baj e os velocíclopes.

 Logo dun descanso de media hora, ás 12:00h os membros da compañía de teatro Fantoches Baj chegarán á praza montados nos seus velocíclopes e ofreceranlles aos 350 nenos e nenas o seu espectáculo de contos Rodar i Rodari. Contos do tranvía.