Xeira polos pazos de Nigrán

Imprimir
O IEM continúa hoxe mércores 9 de xullo, coas súas xeiras e dando comezo a un novo ciclo de saídas atendendo a arquitecturas con especial interese no Val Miñor. Este mércores os asistentes á xeira poderán facer a ruta dende o pazo de Cadaval ata Torres Méndez. A saída será ás 17,30 dende a casa do Concello de Nigrán. Os pazos son casas señoriais que, na súa maioría, datan dos séculos XVI, XVII e XVIII. Os seus donos eran maioritariamente fidalgos (baixa nobreza), aínda que a adquisición dun pazo foi unha maneira frecuente de acceder ao título, e aos seus beneficios, para algúns sectores enriquecidos (burguesía, militares, etc.). Unha institución relacionada cos pazos foi o morgado, que consistía en que certos bens deixados en herdanza non puideran ser vendidos polo herdeiro, que se vería obrigado a transmitilos intactos ao seu sucesor e así conseguíanse manter as grandes propiedades nobiliarias.     

As construccións pacegas teñen claras diferencias coas residencias da nobreza medieval, que eran de carácter militar (castelos, muros defensivos, torres ameadas...). Pola contra, os pazos son construccións civís (que responden a un cambio de papel na nobreza), aínda que manteñen algúns elementos decorativos: torre, remates ameados, brasóns, etc. que recordan o pasado.

Sobre as características destas construccións no caso do Val Miñor podemos falar dunha austeridade nas formas, ausencia de ornamentación, agás pola presencia de escalinatas de tipo monumental na fachada e grandes chemineas que son á vez funcionais e decorativas.