Espazo Lectura e a Biblioteca de Gondomar inauguran unha sala infantil na volta dos contacontos.

Imprimir
casadacultura

O próximo luns 10 de xaneiro inaugúrarase a nova sala infantil de dinamización da Biblioteca de Gondomar, o Recanto do Contomar, que acollerá a partir de agora as sesións semanais de contacontos que organiza a Asociación Espazo Lectura. O elevado número de familias que participan cada semana nas sesións do Contomar e as limitacións de espazo que presenta a única sala da Biblioteca Municipal levaron a Espazo Lectura a solicitar ao Concello de Gondomar a necesidade de habilitar, como existe noutras moitas bibliotecas públicas, unha nova sala destinada ás actividades de dinamización dirixidas ao público infantil. A nova sala do Recanto do Contomar presenta un mobilario e unha distribución do espazo moito máis axeitados para a organización de actividades de dinamización e supón unha ampliación que é valorada moi satisfactoriamente tanto pola asociación Espazo lectura como pola concelleira delegada da Biblioteca Municipal, Teresa Pereira.

Invitación para nenos e nenas de máis de tres anos e as súas familias.

O luns a sala infantil acollerá no seu primeiro día de funcionamento aos rapaces que asistirán despois das vacacións do nadal, ás sesións do Contomar que Espazo Lectura ofrece semanalmente na Biblioteca Municipal de Gondomar. A invitación é aberta para nenos e nenas de máis de tres anos e as súas familias. A cita será, coma sempre, ás 18:00 h e nesta ocasión os nenos e nenas que asistan poderán achegarse, entre outras, ás historias de Amora, As manoplas de Carapuchiña ou A cabra boba.