Espazo Lectura propón seis medidas mínimas aos partidos para fomentar a lectura en Gondomar.

Imprimir
rincon_espazo_lectura

Espazo Lectura quere comprometer aos partidos políticos que se presentan nas próximas eleccións municipais á cobertura de seis necesidades mínimas e imprescindibles para que o municipio de Gondomar remate de afirmar unha identidade a prol do fomento da lectura. A iniciativa contempla reclamos tales como a ampliación e mellora do espazo da biblioteca municipal, a contratación dun bibliotecario especializado, a dotación dun orzamento estable para biblioteca, a creación dun Concello Municipal de Lectura, a desafectación da antiga escola infantil de Donas onde actualmente se asenta a Casa da Lectura, todo isto para acadar os requisitos que permitirán a Gondomar convertirse na 1ª Vila do Libro en Galicia. A proposta xa está en mans dos líderes dos partidos políticos de Gondomar, e o colectivo cultural ofrécese para asesora e debatir os puntos que sexan necesarios. O primeiro obxectivo é moi claro: que estes seis puntos sexan asumidos nos respectivos programas electorais dos grupos.

Así mesmo, Espazo Lectura ofrécese a debater e asesorar respecto dos contidos destas seis propostas, así como a seguir colaborando co Concello de Gondomar e coa Biblioteca Municipal no desenvolvemento dun amplo programa de fomento da lectura que continúe destacando a Gondomar como un concello que aposta pola lectura. Neste sentido, cre necesario que a nova corporación municipal, ademais de manter as liñas de colaboración con Espazo Lectura que se viñan dando até o momento, asuma uns compromisos mínimos necesarios para seguir dando pasos adiante neste ámbito.

Gondomar, lendo para medrar

Esta é a primeira actuación da campaña “Gondomar, lendo para medrar”, presentada hai unha semana por Espazo Lectura. A campaña está destinada a fortalecer a relación entre a vila de Gondomar e os libros e a lectura, conscientes de que para Gondomar, a lectura pode ser todo un símbolo e unha oportunidade para progresar, para desenvolverse, para apostar por un futuro mellor, por un futuro no que o nome da localidade se converta en sinónimo de cultura, de avance e, sobre todo, de imán capaz de atraer o interese, a curiosidade e a riqueza.