Ábrese o prazo de presentación de traballos para os Encontros de Fotografía Domingo Pío Quintas

Imprimir
casadacultura

A Concellería de Cultura do Concello de Gondomar, vén de publicar as bases que regulan a participación na segunda edición dos Encontros de Fotografía Dixital Domingo Pío Quintas Núñez. Os fotógrafos que desexen participar no certame, aberto tanto a profesionais como afeccionados, deberán presentar os seus traballos antes do 15 de xuño, último día de recepción de series. Poderán envialos por correo ao Departamento de Cultura, R/ Manuel Alonso s/n (Casa da Cultura), 36380 Gondomar, indicando no sobre “II Encontros de Fotografía Dixital Domingo Pío Quintas Núñez”. Os aspirantes tamén poden entregar os seus traballos en man, no mesmo departamento.

As bases establecen que cada fotógrafo presentará unha serie de imaxes da súa propia autoría, ordenadas e editadas con música en formato de vídeo, preferentemente .AVI e en formato DVD.  A proxección final deberá ter unha duración de entre 7 e 15 minutos (o que supón unha cantidade de imaxes de entre 70 e 150). A temática é libre, pero evitaranse connotacións pornográficas, violentas, ou que inciten á delincuencia.

Os participantes, maiores de 18 anos, deberán entregar unha declaración xurada de propiedade intelectual das fotografías xunto co formulario de inscrición incluído nas bases. Na ficha figurará a identificación (con pseudónimo ou nome propio) e datos de contacto, así como currículum e outros datos que puideran ser interesantes sobre a súa ‘obra’, que se utilizarán co obxecto de promocionar o evento.

Por último é necesario entregar cesión escrita de dereitos de exhibición da serie de fotos para este evento. Un equipo de asesoramento especializado no eido da cultura, as artes gráficas e audiovisuais fará a selección final das series que tomarán parte nesta edición

Tanto as bases como o formulario de inscrición están dispoñibles na páxina web do Concello de Gondomar www.concellodegondomar.com e no Departamento de Cultura oficiña 5 nos baixos da Casa de Cultura. Os interesados poden ampliar información no teléfono 986 363 913 ou no correo Este enderezo de correo-e está a ser protexido de robots spamers, precisas activar o JavaScript para velo .

Actividades paralelas e catálogo

Os Encontros incluirán este ano diversas actividades paralelas que complementarán ás proxeccións ao aire libre que terán lugar nas noites dos venres 1 e 8 e sábados 2 e 9 de xullo. É o caso das exposicións fotográficas (do 15 de xuño ao 15 de xullo) que acollerán diversos espacios de Gondomar co traballo dos fotógrafos participantes na primeira edición do certame e o maratón fotográfico que, baixo o tema do Corpus e a grande tradición desta celebración en Gondomar, terá lugar o sábado 25 e o domingo 26 de xuño.

Por oura banda, a Concellería de Cultura ultima a edición do catálogo que recollerá unha selección dos traballos presentados por fotógrafos que participaron na primeira edición dos Encontros de Fotografía Dixital Domingo Pío Quintas Núñez: Manikarnika, Hugo Aboal,Miradas de Caracol -Álvaro Sanz-, Miguel Carbajal e Carlos Costas; e o fotógrafo invitado Brunheira; procedente do Festival de Arles 2010 onde presentou a súa serie “Paseando” na sección “La Nuit de La Roquette”,

A tirada será de 2.000 exemplares e poderase adquirir nos locais de exposición do municipio durante o programa de verán deste ano.