Libro de Pedra, unha visita virtual á catedral de Santiago.

Imprimir
catedral-de-santiago

A web ‘Libro de Pedra’, programada pola Consellería de Cultura e Turismo a través da Secretaría Xeral para o Turismo, recibiu xa un total de 32.000 visitas desde a súa posta en servizo o pasado mes de febreiro. Esta aplicación, aloxada no portal turístico de Turgalicia, ofrece a posibilidade de completar un paseo virtual pola Catedral de Santiago e pola capital de Galicia cun nivel de detalle sen precedentes desde calquera punto do mundo a través de internet.

Promovida pola Consellería de Cultura e Turismo para conmemorar o 800 Aniversario da Catedral de Santiago, a creación desta aplicación enmárcase no proxecto europeo Loci Iacobi. Lugares de Santiago. Lieux de Saint Jacques de revitalización do Camiño en Galicia, Francia e Portugal. No desenvolvemento desta musealización virtual da Catedral de Santiago e dos lugares e monumentos que configuran o espazo xacobeo colaboraron os equipos de Ilux Visual Technologies e o Grupo de Visualización Avanzada VideaLAB da Universidade da Coruña a través da Fundación da Enxeñería Civil de Galicia

Máis de 60.000 fotografías

A aplicación Libro de Pedra é unha ferramenta web que utiliza as novas tecnoloxías para amosar cun nivel de detalle sen precedentes a capital de Galicia e o seu monumento máis emblemático. A aplicación permite ademais coñecer en profundidade a historia da Catedral, consagrada polo rei Alfonso IX o 21 de abril de 1211. En Libro de Pedra a innovación tecnolóxica ponse ao servizo da cultura e o patrimonio histórico nun proxecto para o que se realizaron máis de 60.000 fotografías de alta resolución. Pódese acceder dende calquera parte de mundo a esta aplicación a través do seguinte enderezo web: http://www.turgalicia.es/librodepedra.

O interior da Catedral pode visualizarse dende calquera punto de vista a través de imaxes totalmente inmersivas. A través desta aplicación, o usuario pode desprazarse dende calquera parte do mundo ao interior da basílica. O Museo catedralicio tamén se pode visualizar a través de imaxes esféricas que permitirán ao usuario internarse en todas as súas estancias. As imaxes panorámicas que se ofrecen de Santiago cobren a totalidade da cidade dende diferentes puntos de vista. A riqueza das prazas e rúas do casco histórico tamén pode admirarse con especial relevancia a través de imaxes en 360 graos.

Mundo Peregrino Interactivo

Froito do proxecto europeo “Loci Iacobi”, a Consellería de Cultura e Turismo promove ademais a aplicación Mundo Peregrino, un modelo virtual tridimensional dedicado a Santiago como centro de peregrinación, acercando ao usuario á experiencia de coñecer e percorrer os diferentes Camiños, só ou en compañía doutros usuarios, que comparten o mesmo espazo virtual como avatares.

Esta ferramenta consta dunha área de benvida e aprendizaxe para novos usuarios, sete áreas expositivas específicas referente aos diferentes camiños e unha área central dedicada á Catedral. Para poder acceder, o usuario debe rexistrarse na súa páxina web, onde descargar a aplicación cliente coa que se conectará ao servidor de mundo virtual e seleccionar o seu nome e modelo de avatar.

Cooperación europea

A Consellería de Cultura e Turismo é xefe de fila do proxecto europeo “Loci Iacobi. Lugares de Santiago, Lieux de Saint Jacques” a través da Secretaría Xeral para o Turismo. O seu obxectivo é o de investigación, promoción e dinamización turística e cultural vinculada ao Camiño de Santiago nos territorios socios (España, Francia e Portugal) como itinerario cultural de alto valor histórico.

Outro dos obxectivos deste proxecto para os tres socios integrantes (Secretaría Xeral para o Turismo, Baixo Alentejo de Portugal e Auvergne en Francia) responde tamén á necesidade de apoiar a diversificación da economía aproveitando os recursos culturais e naturais para ofertar un produto turístico singular: o Camiño de Santiago en Portugal e Francia como nexo de unión entre os pobos. O proxecto conta co apoio da Unión Europea a través do Programa Operativo de Cooperación Transnacional no Espazo Sudoe 2007-2013.