Texto da Xunta de Galicia con motivo do Día das Letras Galegas 2011 e homenaxe a Lois Pereiro.

Imprimir
lois-pereiro

"Dende que o 17 de maio de 1963, por iniciativa da Real Academia Galega e en conmemoración do centenario da publicación de Cantares Gallegos, naceu o Día das Letras Galegas, a data mereceu a condición inmediata de símbolo da literatura e da lingua do noso país. Coa creación da Autonomía, o compromiso da Xunta de Galicia e a participación activa e conxunta dos galegos contribuíron a que o Día das Letras Galegas se convertera na gran festa do noso país.

Cada 17 de maio os galegos recoñecemos, compartimos e festexamos a cultura que nos foi legada, sobre a que se asenta a nosa identidade como pobo, e que demostra unha permanente disposición para evolucionar, para renovarse sen traizoar as raíces, para traspasar límites e para inserirse de cheo nos intercambios e diálogos propios do mundo actual.

A vitalidade e a enerxía das nosas letras, da nosa cultura, está representada na figura do autor homenaxeado neste 2011. Lois Pereiro personifica unha aposta pola modernidade e a vangarda, polas novas xeracións de escritores e poetas, anova a tradición de excelencia da voz lírica de Galicia, e dá continuidade a herdanza que parte de Rosalía e os poetas do Rexurdimento, e continúa en Cabanillas, Manuel Antonio, Celso Emilio Ferreiro, Uxío Novoneyra ou Manuel María, entre moitos outros.

Na curta pero intensa obra de Lois Pereiro os elementos propios de Galicia fúndense cunha cultura popular, urbana e posmoderna propia dos anos finais do pasado século. Os seus poemarios amosan un crisol de sentimentos compartidos, de referentes sen fronteiras, de linguas e terras que falan entre si. A súa produción literaria, en suma, ten un carácter marcadamente galego, mais e tamén patrimonio da lírica universal.

Pereiro foi quen de extraer beleza da dor, de xerar ánimo da desesperanza, de crear vida da morte, e fíxoo con mestría e descarnada sinceridade. Por iso os seus poemas non deixan indiferente, porque condensan os sentimentos en palabras, porque neles resulta doado recoñecer ao ser humano, porque reflicten os nosos propios medos e paixóns.

Este 17 de maio a obra de Lois Pereiro representa a todo un país, a unha lingua e a un sistema literario. A Xunta de Galicia quere sumarse á merecida homenaxe ao escritor monfortino e facela extensiva a todos os homes e mulleres aos que lles correspondeu ao longo dos séculos o fermoso labor de sintetizar en palabras o sentir de millóns de galegos para construíren unha literatura propia e rica na que todos e cada un de nós podemos recoñecernos e sentirnos representados.

Lois Pereiro simboliza neste Día das Letras Galegas o legado que herdamos dos nosos devanceiros e que entre todos estamos a agrandar continuamente e a converter nun proxecto colectivo, sólido e plural."