O músico Amancio Prada fará un concerto especial en homenaxe a Álvaro Conqueiro.

Imprimir
O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, presentou esta mañá xunto a Amancio Prada o concerto especial Camelias para Cunqueiro

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, presentou esta mañá xunto a Amancio Prada o concerto especial "Camelias para Cunqueiro", que o compositor e cantautor berciano ofrecerá o vindeiro venres día 10 de xuño no Salón Teatro de Santiago de Compostela. A actuación enmárcase na programación do Ano Cunqueiro, que conmemora o centenario do nacemento do escritor, e na celebración do Ano da Música.  Na actuación Amancio Prada –voz e guitarra– estará acompañado por Hilary Fielding ao violonchelo e Josete Ordóñez á guitarra e mandola. Xuntos interpretarán poemas tan coñecidos como A dama que ía no branco cabalo, O cabaleiro da pruma na gorra, No sono do cuco novo ou Outono cedo de gaitas, entre outros títulos do rico poemario cunqueirano.

Venda de entradas

As localidades para Camelias para Cunqueiro poden adquirirse por adiantado a través da billeteira electrónica da web de Novacaixagalicia (www.novacaixagalicia.es) ou do teléfono a un prezo de 10 euros, sobre o que se aplica un desconto do 40% para estudantes, titulares do carné xove, xubilados e persoas en situación de desemprego. A billeteira do Salón Teatro abrirá o mesmo día do concerto, a partir das 19.00 horas.

Difusor do galego

O músico leonés, gran coñecedor, amante e difusor da lingua galega, rende así a súa particular homenaxe a Álvaro Cunqueiro, a quen tivo a oportunidade de coñecer persoalmente cando lle foi presentado en 1976 polo escritor Carlos Casares. Segundo conta o propio Prada na introdución ao programa deste concerto, a segunda e última vez que viu a Cunqueiro foi no outono de 1980 cando, acompañado por Víctor Freixanes, visitouno na súa casa coa “desculpa” de que lle asinara o primeiro tomo de Poesía e teatro, a súa obra en galego completa.

Nesa ocasión, Amancio Prada trasladoulle o seu desexo de musicar os seus versos, que gravaría por vez primeira no disco A dama e o cabaleiro, editado en 1987. Dez anos despois, a poesía neotrovadoresca de Cunqueiro tamén formaría parte de Tres poetas en círculo, primeiro disco en directo gravado por Prada. Neste diso, Prada ofrece un percorrido musical polos versos do escritor mindoniense, xunto cos de Federico García Lorca e Agustín García Calvo.

Nado na localidade leonesa de Dehesas, Amancio Prada leva preto de 40 anos sobre os escenarios asinando unha prolífica carreira que se reflicte nunha trintena de traballos discográficos, en incontables presentacións en directo e en numerosos recoñecementos públicos e institucionais, entre os que destacan a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes, que lle foi outorgada en 2010.

A crítica destaca de Prada a elegancia do seu lirismo, así como a súa sabia combinación de música culta e popular, que fan del un auténtico referente xeracional. Xunto coas súas propias composicións como cantautor, vén desenvolvendo un moi destacado labor á hora de achegar ao público, en forma de cancións, a obra de grandes poetas de todos os tempos. Ademais de Álvaro Cunqueiro e os xa citados Federico García Lorca e Agustín García Calvo, son internacionalmente coñecidas, por exemplo, as súas versións de poemas de Rosalía de Castro.

A principios deste mesmo ano, Amancio Prada foi convidado a estrear no Teatro de La Abadía de Madrid as Coplas de Jorge Manrique a la muerte de su padre, recital que ofrece este ano en alternancia co Cántico espiritual de San Juan de la Cruz.