Política Lingüística e a Federación Galega de Xadrez editan un manual dixital.

Imprimir
Ajedrez_jaque_mate

Aprender a xogar ao xadrez de forma doada, pedagóxica e en lingua galega. Ese é o principal obxectivo de Xadrez para Todos, unha colección de manuais para o ensino do xadrez nos ámbitos educativo, deportivo e lúdico.

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; o subdirector xeral de Deportes, Carlos Gómez; e o presidente da Federación Galega de Xadrez, Gaspar Pérez, presentaron esta mañá os materiais da colección no CEIP de Tenorio, no concello pontevedrés de Cotobade, nun acto no que participaron alumnos e alumnas de segundo e terceiro ciclo de primaria.

Materiais para achegarse ao xadrez desde o galego
Así mesmo, o responsable de Política Lingüística asegurou que “coa dispoñibilidade en galego dos manuais de Xadrez para Todos se amplían os recursos didácticos nesta lingua dirixidos ao ámbito do ensino do xadrez. “A existencia dun material didáctico en galego e accesible para todos –afirmou– convértese nunha ferramenta fundamental para docentes e monitores, que con esta obra dispoñen dunha serie de recursos de calidade pedagóxica”. Neste sentido, Anxo Lorenzo animou a todos os monitores e aprendices de Galicia a traballar con estes materiais en galego.

Xadrez para Todos
Xadrez para Todos é un proxecto editorial de Balàgium Editors, da autoría de Jordi Prió, Ramon Torra e Inma Farré, dirixido ao ensino do xadrez escolar e orientado á creación de materiais pedagóxicos, tanto en formato libro como multimedia, para a difusión e a aprendizaxe deste deporte-xogo.

Para facilitar o acceso ao xadrez desde a lingua galega, a Secretaría Xeral de Política Lingüística puxo a disposición da cidadanía os manuais 1 e 2 do nivel de iniciación e os manuais 1 e 2 de perfeccionamento desta colección, que están accesibles desde a páxina web www.xunta.es/linguagalega en formato pdf.

Ademais, para a difusión dos materiais, a secretaría xeral tamén contou coa colaboración da Federación Galega de Xadrez, que distribuíu o volume 1 da colección entre os centros educativos que o solicitaron e que, así mesmo, emprega estes materias nas súas actividades de formación no ámbito escolar, no marco do programa Xogade da Secretaría Xeral para o Deporte.