Kitty, Daisy & Lewis, Depedro, Corizonas e Eme DJ en portAmérica

Imprimir
Kitty, Daisy & Lewis, Depedro, Corizonas e Eme DJ estarán en portAmérica
Sons innovadores, diferentes, clásicos pero modernos: o escenario de portAmérica reunirá aos londinienses Kitty, Daisy & Lewis con Depedro, Corizonas e a Dj máis coñecida en España da música indie-electro, Eme DJ, do 19 ao 21 de xullo en Porto do Molle, Nigrán, no primeiro festival internacional que pretende dinamizar e conectar o talento que actualmente existe en Europa e América.
O trío inglés Kitty, Daisy & Lewis, coñecidos por acompañar a Coldplay na súa xira de 2011, traerá ao escenario de portAmérica o seu último traballo: "Smoking in heaven", directamente desde Londres. Este álbum é fiel ao son xenuíno dos irmáns Durham, con ritmos que van desde o Rockabilly revival ao blues, pasando polo swing e o country vintage.
 
Depedro soará no escenario de portAmérica despois dun intenso 2011 de xira por América, Australia e Europa coa súa "Nubes de papel" e un 2012 dedicado á creación do seu novo traballo, un álbum que sairá á venda no outono. Intenso, de letras profundas e cunha melodía única, Depedro é a máxima expresión do talento musical de Jairo Zavala.
 
A familia Corizonas é a fusión das Coroas e Arizona Baby que chegarán a portAmérica co seu traballo "The News Today", no que exploran todas as posibilidades do rock and roll desde as súas raíces e podemos atopar xoias como "Hey, hey, hey", "I Am (What I Am)" ou "The Falcon Sleeps Tonight".
 
A lista de nomes de onte pechou coa Eme DJ, ou o que é o mesmo, Marta Fierro, unha xenio na mestura de ritmos imposibles: unha das DJs máis coñecidas da música independente e electrónica en España. A clave do seu éxito radica na elegante combinación de sons electro, new wave, space ou disco-punk cun fondo de pop e rock inconfundible.
 
O cartel de portAmérica continúa crecendo e suma xa nove nomees diferentes e únicos no seu estilo: Julieta Venegas, Love of Lesbian, Xoel López, Zoé, Onda Vaga, Corizonas, Kitty, Daisy & Lewis, Depedro e Eme DJ.
Dende a organización do festival advirten que continuarán cos anuncios de novos grupos até o venres, día en que se porán á venda os abonos cunha oferta especial de lanzamento, a través da páxina oficial do festival  ww.portamerica.es 
O festival  conta con páxina en Facebook  e en Twitter  (@portAmerica) onde se poderán seguir todas estas actualizacións e novidades.