Máis talento galego no festival portAmérica. Eladio y los seres queridos estarán en Nigrán

Imprimir
Eladio y los seres queridos

Galicia soa a boa música polo seu catro provincias: Eladio y los seres queridos coa orquestra de saxos do Conservatorio de Redondela, Orquestra Metamovida, Srasrsra, Combo Dinamo, Colectivo Oruga, Disco Las Palmeras e Martynez. En total, 7 grupos con son feito en Galicia, algúns deles, bandas consagradas, e outros moitos, novos talentos. Todos se atoparán no escenario de portAmérica en Porto do Molle, Nigrán, do 19 ao 21 de xullo.

 De Eladio y los seres queridos fala por si soa a longa traxectoria artística dos seus compoñentes, todos eles veteranos da escena galega. Como banda, sorprenderon ao panorama musical español converténdose nun dos maiores expoñentes do pop adulto nacional co seu disco "Están ustedes Unidos", traballo ao que lle darán unha volta de parafuso especialmente pensada para a ocasión, xa que tocarán acompañados da orquestra de saxos do Conservatorio de Redondela.
 
"Electrónicos, eléctricos, eclécticos, luminosos, lisérgicos, delirantes y deliciosos". Así se definen a si mesmos os compoñentes do Colectivo Oruga, que traerán a portAmérica os temas do seu "Too many knobs", traballo que lles levou por diversos festivais como Primavera Sound, Sónar ou Vigo Transforma.
 
Srasrsra son un dos grupos crave do Galician Bizarre, disco con diferentes bandas galegas gravado a través dunha iniciativa de crowdfounding. O dúo coruñés vístese de longo co seu traballo "Puchao", que contén temas como ?"Chica joven". O seu son é claro e contundente: o auténtico punk histérico chega a portAmérica.
 
Os coruñeses Combo Dinamo traerán ao escenario de portAmérica a inimitable mestura de power pop, indie e rock que podemos atopar en cada canción dos seus dous traballos: ?Decencia e bo gusto? e ?Quieto, morre, resucita!!?. O seu son xoga con elementos musicais que se poden atopar en Lory Meyers ou Love of Lesbian, aínda que eles confesan que as súas auténticas referencias son Devo, Radio Futura, Supergrass e Bowie. 
 
Disco Las Palmeras representan a historia que moitos grupos novos han soñado algunha vez: subir unha maqueta a Myspace e triunfar. Para iso foi case un abrir e pechar de ollos. Este grupo, nacido dacabalo entre Santiago e Lugo (o seu centro de operacións), tocou na Primavera Sound con pouco máis que unha maqueta? En xullo chegarán a portAmérica xa co seu disco completo e cheo de sons noise, punk, psicodelia e industrial: ?Nihil obstat?.
 
A Orquestra Metamovida é un colectivo musical underground, totalmente independente, que foxe de títulos e estilos encasillados. Cró!, Unicornibot, Why go, Buogh!, Guerreira, É unha árbore e Durarará!! son os nomes das bandas que integran este proxecto, todas elas de Vigo e Pontevedra. Inquietude e creatividade se aúnan nesta proposta musical única para dar lugar a un son inconfundible. 
 
Martynez traerá a portAmérica o rock directo e sen artificios feito en Galicia. Antigos compoñentes de grupos galegos que marcaron época, como Kannon e Medusa, con Martynez fixeron unha aposta clara polas guitarras e un son potente e sólido. As súas referencias musicais van desde Queens of The Stone Age, a The Hives, Mando Diao ou The Killers.
 
O cartel de portAmérica conta xa con 16 nomes diferentes entre os que están Julieta Venegas, Love of Lesbian, Xoel López, Zoé, Onda Vaga, Corizonas, Kitty, Daisy & Lewis, Depedro e Eme DJ. A lista, no entanto, segue sen estar completa: Esta semana seguirán os anuncios de novos grupos até o venres, día en que se porán á venda os abonos cunha oferta especial de lanzamento, a través da páxina oficial do festival www.portamerica.es 
 
Un festival con valor engadido
 
PortAmérica é unha aposta polo valor real das industrias culturais como factor dinamizador da economía, convertendo á cultura no elemento capaz de xerar un valor engadido para todos os sectores produtivos, dotando ás empresas dun activo tan importante como é a economía da innovación.
 
Para afrontar este reto, portAmérica creou unha serie de ferramentas de visibilidade ao redor do festival que pretenden facer da sociedade a auténtica protagonista do evento: Mercainnova, Área gastronómica e a Comunidade portAmérica,  á que se dotará de continuidade no tempo máis aló das datas de realización do Festival, e cuxos detalles se avanzarán en próximos días.
 
Dende a organización do festival advirten que continuarán cos anuncios de novos grupos até o venres, día en que se porán á venda os abonos cunha oferta especial de lanzamento, a través da páxina oficial do festival  www.portamerica.es 
 
O festival  conta con páxina en Facebook  e en Twitter  (@portAmerica) onde se poderán seguir todas estas actualizacións e novidades.