Entre libros, fogueiras e chourizos Espazo Lectura pecha unha abraiante tempada 2011-2012 coas fogueiras de San Xoán.

Imprimir
Fogueira

Coa celebración da IV Fogueira dos Versos o vindeiro sábado 23 de xuño Espazo Lectura pechará unha tempada dificilmente igualable na historia da cultura e a dinamización lectora da bisbarra. A xuntanza comezará as 21 horas na Casa da Lectura (Nogueira, 8 – Donas), e a asociación convida a cativos e maiores a achegarse cuns versos para lelos á luz das fogueiras. Logo dunha cea compartida, haberá música e un espectáculo de maxia á media noite.

 

O programa da noite comezará as 21 horas cunha cea compartida. A organización presidida pola profesora Concha Costas, poñerá os chourizos e os que se acheguen deberán levar bebidas ou algún petisco para compartir. Sobre as 22:30 comezará a música, o baile e "herbas de San Xoán". Sobre as 23:15 dará comezo a lectura de poemas por parte dos participantes e para rematar á media noite con "Lume de maxias" unha actuación do Mago Cali.

A tempada 2011-2012 da Asociación Espazo Lectura será recordada por moitas actividades que deixaron a súa pegada na bisbarra. O desenvolvemento da campaña "Gondomar Lendo para Medrar ", que levou polos centros de ensino unha iniciativa ambiciosa e de longa duración co fin de obter a unión das forzas vivas do concello na procura de afondar unha identidade que xa ten pegada fóra das súas fronteiras: Gondomar= Lectura.

A V Semana do Libro e a Lectura, que trocou Gondomar nunha biblioteca aberta, con actividades para todas as idades e públicos: teatro, obradoiros, e sesións de lectura compartida. Por si fora pouco, esa semana celebrou o seu V Dar de ler como quen dá de beber, unha Sentada Lectora na Alameda de Gondomar con medio milleiro de participantes e unhas "Noites Golfas" que pecharon a celebración a puro verso e humor.

Todo isto, sen esquecer as actividades que semana a semana a Asociación Espazo lectura desenvolve para maiores e cativos na Biblioteca de Gondomar, a Casa da Lectura de Donas e en canto centro de ensino ou asociación cultural son requiridos.

Espazo Lectura pecha coa Fogueira dos Versos as súas actividades até despois do verán. Non esquecer os versos para ler e queimar!