ARGUMENTO(S) PARA UNHA FARSA. REFLEXIÓNS.

Imprimir
manufactura-pazo

Como consecuencia das conversas mantidas con ela, de ter percorrido a unha velocidade pertinente o desordenado estudio-obradoiro no que traballa, de observar durante longo tempo a obra que produce, de meditar sobre algunhas percepcións miñas e outras tantas certezas, cheguei á conclusión de que ROSALÍA PAZO precisa dun tempo lento para traballar; de que ama e goza coa xestación e procesado de cada unha das partes da obra durante un tempo tan imprescindible para ela coma o aire que, a intervalos constantes, lle inunda os pulmóns. Estou convencido de que aquel tempo de pescuda, maduración, elaboración e perfeccionamento da obra que tanto necesitaba e atormentaba a Beethoven, na distancia, é compartido en silencio por Rosalía. Se ben, a ela, non sei se a atormenta. 

Teño a convicción de que as pezas, bidimensionais e tridimensionais, que esta escultora termina por formalizar proveñen dunha longa e atenta observación, quizais non sempre consciente, do contexto físico-social da época na que lle tocou vivir. Unha época axitada, tecnificada, intervida, desequilibrada, de grandes avances científicos, interesada... e interesante, observada a través de ollos calmos e escrutadores. Ollos atentos ás xentes, aos procesos, ás mensaxes - tamén ás que chegan en forma de libro -, á natureza... ao espazo. Estas son, ao meu entender, parte esencial das fontes e vehículos que abastecen a fabrica de soños que é Rosalía Pazo. Con todo isto a escultora elabora, dentro do campo da arte, pezas que, para seren totalmente completas, necesitan inexorablemente a achega intelectual do espectador. Pezas onde a parte obxectual queda orfa, incompleta, sen a debida atención ao parágrafo conceptual. Pezas que a pesar do alto interese que poidan mostrar en si mesmas, como, por exemplo, sucede coas magníficas texturas visuais, e mesmo físicas, das obras tridimensionais en cartón da súa última etapa, ou coas impactantes xeometrías de redes da obra bidimensional, as cales propoñen analoxías con fitozoos e microalgas, estarían inacabadas sen a compoñente crítica, satírica, burlesca, reflexiva, ou mesmo de sinxelo xogo, no que xeralmente se insiren. Rosalía, maniática, precisa, e delicada, gusta de incorporar a escrita ás obras, introduce códigos semánticos, e faino de maneira que funcionen como parte estruturante, como unha ferramenta de reflexión máis; por veces a linguaxe de signos tínguese de poética.  

Convido ao lector a someterse á pracenteira interpretación das metáforas ideadas pola escultora, a mergullarse no esforzo intelectual sen escusas suxerido, a entrar nun mundo físico-conceptual de límites difusos que, en todo caso, invitan a ser explorados. É absolutamente necesario penetrar nese labirinto de propostas e, xa dentro, topar a porta que nos traslade ao espazo das emocións.       

Tamén o convido a que se enfronte e observe fragmentos conxelados no tempo e no espazo dunha irónica obra teatral, a ver pinturas de imaxinados microorganismos, a ler mensaxes rotuladas con escollidas tipografías, e a contemplar volumétricas pezas, en cartón, de meticulosa elaboración; sempre, deixándose guiar pola intuición. Sempre, sen pre-xuízos.

Argumento(s) para unha farsa  pode visitarse na Aula de Cultura Ponte de Rosas, Avda. da Feira nº 10, en Gondomar, ata o 6 de xullo, en horario de 19 a 21 h. de luns a venres.