O concurso de fotografía comercial Re-mírate organizado por Economía e Industria premia unha imaxe da tenda de moda de Nigrán

Imprimir
A directora xeral de Comercio foi a encargada de entregar o premio

A directora xeral de Comercio, Nava Castro, entregou onte en Nigrán na tenda de moda Sotobó o segundo premio do certame Re-Mírate de fotografía comercial, un concurso organizado pola Consellería de Economía e Industria na súa continua aposta polas novas tecnoloxías aplicadas ao sector comercial e á promoción do mesmo.

Todos os establecementos premiados neste galardón, que tiña por obxectivo buscar unha nova imaxe para o Portal do Comerciante, http://portaldocomerciante.xunta.es, da Dirección Xeral de Comercio, recibirán o asesoramento dun experto en escaparatismo e visual merchandising. As fotos foron escollidas polos votos recibidos a través da páxina en Facebook da Rede de Dinamización Comercial Re-dic, www.facebook.com/portaldocomerciante, e da decisión dun xurado.

No acto de entrega do galardón a directora xeral de Comercio recordou que a protección e a modernización do comercio de proximidade é un obxectivo prioritario para a Consellería de Economía e Industria, que ten en marcha o Plan Ágora, Agora Re-Comercia.

Nava Castro felicitou aos responsables do establecemento, unha tenda de moda urbana para home cunha importante presenza en internet e nas redes sociais, tanto polo galardón recibido como pola dinamización da súa tenda, na que as novas tecnoloxías xogan un importante papel.

Portal do Comerciante
O Portal do Comerciante, posto en marcha pola Consellería de Economía e Industria a finais do mes de xullo pasado, é unha web pioneira que ten por obxectivo impulsar a mellora competitiva do sector comercial en Galicia. Trátase dunha nova ferramenta de información e formación para o comercio de proximidade, que facilita a creación de novos negocios, a análise da viabilidade de novos proxectos, así como diversos servizos interactivos abertos á participación permanente de comerciantes e consumidores. Entre estes, destaca especialmente a posta en marcha dunha asesoría on line que permite realizar consultas rápidas a expertos da Dirección Xeral de Comercio. Este portal constitúe unha ferramenta útil e accesible para o sector con contidos especializados para impulsar a modernización e o desenvolvemento do comercio galego.