Venres, 19 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Axenda Deporte, gastronomía e música este sábado en Nigrán.

Deporte, gastronomía e música este sábado en Nigrán.

Correo-e Imprimir PDF
pelepau-perscusion

Nigrán terá na xornada do sábado unha apertada axenda de actividades culturais e deportivas para todos os públicos. A axenda comezará cedo, ás 10.30 horas, coa saída desde a chaira do Punto Pasión de Praia América coa saída da XXIV Festa da Bicicleta do Val Miñor.

 A caravana de ciclistas nigranenses partirá destino A Ramallosa, onde se atopará cos grupos dos concellos veciños, Baiona e Gondomar, cara á meta, en Baiona, onde se repartirán agasallos entre todos os participantes. Cara ás 12.30 o pelotón local regresará ao seu punto de partida en Nigrán. A actividade está aberta a todas aquelas persoas interesadas en participar maiores de oito anos, coa única condición do uso obrigatorio do casco.

Churrascada

Para repor forzas logo da carreira, a Comisión de Festas de Praia América invita a todo o mundo a unha churrascada na contorna do campo de fútbol de Monte Lourido, que estará amenizada coa actuación de gaiteiros e outras actividades.

Paddlesurf

Para os amantes dos deportes náuticos a praia de Patos ofreceralles unha atractiva alternativa, coa celebración da primeira ruta do Circuíto Beach Escolas Paddlesurf 2012 ás 18.00 horas. Esta competición, a primeira que se celebra en Galicia, constará de sete probas que se celebrarán ao longo de todo o verán por diferentes puntos da ría, puntuables para o circuíto galego de Paddle Race. A primeira delas conta co apoio do Concello de Nigrán e a Federación Galega de Surf .

Noite de música

Para pechar a xornada, Nigrán ofrece dúas alternativas musicais. O Centro Recreativo e Cultural do Torreiro, de Priegue, acollerá desde as 20.30 horas un festival de corais, patrocinado pola Deputación de Pontevedra. A velada estará amenizada pola coral Arlborada, da Asociación de Veciños de Cabral, baixo a dirección de Anicia Núñez González, e por actuación da Coral Polifónica Novos Aires de Nigrán, dirixida por José Alfredo Oliveira.

Ademais, a Asociación de Vecinos das Angustias ofrecerá a partir das 21.00 horas un concerto de percusión senegalés, a cargo do grupo afroamericano "Bloquinho apera", o "Khaleye Diamono" e "Pelepau", grupo de percusión galego.