Sábado, 20 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Axenda A profesora e investigadora Camiño Noia estará presente na XVIII de Ponte...nas ondas!

A profesora e investigadora Camiño Noia estará presente na XVIII de Ponte...nas ondas!

Correo-e Imprimir PDF
Camiño Noia conversa con alumnas do IES Terra de Turonio

A catedrática da Universidade de Vigo e veciña do Val Miñor, Camiño Noia, participará na XVIII edición de Ponte...nas ondas!  o próximo venres 1 de xullo.

Camiño Noia visitou o Instituto gondomareño de Terra de Turonio, para impartir unha conferencia sobre o conto popular.

A profesora da Universidade de Vigo, Camiño Noia participará na XVIII edición de Ponte...nas ondas! que ten como lema PONTE...A CONTAR! e que está centrada na difusión do conto popular de tradición oral.

Camiño Noia, autora de dúas importantes obras relacionadas co conto popular: Contos galegos de tradición oral ( 2002 ) e Catálogo tipolóxico do conto galego de tradición oral ( 2010 ) participou recentemente co alumnado do IES Terra de Turonio no programa de radio que realizan dende o centro.

Noia, firme defensora do patrimonio común galego-portugués, considera que as creacións literarias populares van desaparecendo da memoria colectiva e que cómpre facer un necesario labor de transmisións ás novas xeracións como está a facer a Asociación Ponte...nas ondas!
 
" En Galicia, a cadea de transmisión interrompeuse debido aos cambios nas formas de vida da xente e á emigración ás cidades. Hai máis de trinta anos que  os rapaces galegos non reciben os contos tradicionais da boca dos seus pais e avós, e, en moi pouco tempo, as xeracións vindeiras descoñecerán o importante legado que supuxo esa forma de cultura espontánea e natural do pobo galego." sinalaba Noia en Contos galegos de tradición oral ( 2002 ).
 
No libro Catálogo tipolóxico do conto galego de tradición oral ( 2010 ) tamén atopamos outro apuntamento da catedrática neste senso " Sentiríame compracida se a sabedoría popular que conteñen as páxinas que seguen servise de xermolo para recuperarmos o que aínda queda na oralidade da vella narrativa galega. Un mundo imaxinario creado pola fantasía do pobo que é parte do que hoxe somos, no global e no local. Un patrimonio que nos remite ao mundo rural dos nosos devanceiros-que ainda nos pode fornecer da sabedoría que encerra-, e que debería levarnos a compartir sentimentos, afectos e modos de vida comúns." 

XVIII de Ponte nas Ondas!

O tema desta edición xira arredor do conto popular. Os centros educativos realizaron traballos audiovisuais sobre esta temática. Os contos populares forman parte do noso patrimonio inmaterial e deben ser transmitidos e conservados como parte dun valioso “tesouro” que ten na lingua o seu principal soporte. Especialistas no conto tradicional de transmisión oral como a profesora da Universidade de Vigo Camiño Noia ou o profesor da Universidade de Trás Os Montes Alexandre Parafita ou o investigador e escritor Antonio Reigosa, intervirán na programación para dar a coñecer cal é a importancia  que teñen os contos populares.

Esta nova edición contará coa participación de centros educativos de Galicia e Portugal e tamén de outros países como Cuba, Chile, Colombia ou Brasil. 

O conto como asunto

O conto popular será o fío condutor da programación achegada polos centros educativos  que mostrarán diversas actividades realizadas polo alumnado: recollas de contos a portadores, experiencias de relatos de portadores nas aulas, dramatización de contos, creación de banda deseñada a partir de contos, narrativas dixitais ( Storytelling ), etc.

Programas especiais

Ponte...nas ondas! emitirá nesta edición a X Mostra da Oralidade Galego-Portuguesa: CONTAMOS NO MUNDO que se realizou o pasado 25 de maio no Museo do Verbum de Vigo e na que participou alumnado de centros educativos galegos e portugueses, narradores orais e investigadores de Galícia, Portugal e Brasil.

No edición tamén se emitirá unha reportaxe das XII Jornadas Internacionais do conto da Universidade do Minho en Braga na que participaron narradores orais de todo o mundo. 

A emisión a través de Internet estará a cargo de UVIGO-TV da Universidade de Vigo. A programación comezará ás 10.00hs. da mañá  (hora galega) e poderá ser visionada en formato de vídeo e audio á carta.

Máis información en www.pontenasondas.org