Unha audición dirixida polo especialista Manuel López Benito congregará unha escolma de pezas creadas polos grandes mestres da música clásica no Patio de Armas do Pazo do Conde de Gondomar. A actividade organizada polo IEM en colaboración coa iniciativa Escenarios Musicales e o Concello de Gondomar, terá lugar este luns 13 de agosto ás 20.30. Entrada gratuíta.
ESCENARIOS MUSICALES é unha iniciativa cultural enfocada á divulgación da Música Clásica. O seu proxecto é contextualizar a escoita das grandes obras a través de audicións fóra das grandes salas de concerto ou dos teatros da ópera. Á súa vez leva a música a escenarios onde, pola súa importancia histórica, artística ou simplemente lúdica, consigan que ao pracer de escoitala se una o deleite e a emoción que os devanditos espazos provocan.
Desa maridaxe espazo‐musical nacen xermolos marabillosos. Así esperamos que aconteza nesta velada no precioso Pazo do Conde de Gondomar.