Proxección en Peitieiros do filme "De porta en porta", seleccionado en Filminho 2009

Imprimir

Este mércores 20 de agosto, ás 20:30h, o Centro Cultural de Peitieiros inicia a Semana Cultural, que precede o XXI Festival Folclórico Internacional, coa proxección dun vídeo sobre as treboadas no Salón do CCR e entrada libre. O vídeo titúlase "De Porta en Porta" e é un documental sobre esta manifestación musical exclusiva do Baixo Miño e norte de Portugal. A película será presentada por Celso Díaz, integrante do equipo que realizou o filme.


"De Porta en Porta" foi o proxecto gañador do Fórum de Criadores de Filminho, Festa do Cinema galego e portugués, no ano 2009. O documental, que recibiu unha subvención deste Fórum de Criadores, foi realizado con guión e dirección de Lisi Fontaíña e nel participou o veciño de Peitieiros Celso Díaz, responsábel do Making-Off e corresponsábel, xunto con Lino Antón Fernández e Basilio Calzado, de Investigación e Loxística. No equipo de "De Porta en Porta" participou tamén André Martíns na produción, Natxo Taibo como operador de cámara e no son Isaac Palacín.
O filme foi estreado no Filminho de 2010 e desde entón foi proxectado en diferentes lugares e festivais, como Cineuropa de Santiago de Compostela.
As Treboadas son definidas no Boletím Locus Cinemae en que se referencia o filme "De Porta en Porta", como "um ritual popular comum que consiste em anunciar as festas e romarias das diferentes paróquias e freguesias com composições à base de percussão (bombos e caixas), guiados pela melodia da gaita galega ( do lado da Galiza) e da concertina (do lado de Portugal)".
O documental que Celso Díaz presentará este mércores no Centro Cultural de Peitieiros, no marco da Semana Cultural, está centrado en persoas que participan dos grupos: Treboada Baixo Miño, Treboada Muimenta de Sobrada (Galiza) e Zés-Pereiras de Sopo (Portugal).