Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Axenda O ciclo “Cine e Memoria II” acolle o documental “La Sauceda” este mércores no IEM.

O ciclo “Cine e Memoria II” acolle o documental “La Sauceda” este mércores no IEM.

Correo-e Imprimir PDF
la sauceda

Este mércores 22 de outubro ás 20:30 horas proxectarase na Aula de Cultura Ponte de Rosas o documental La Sauceda. De la utopía al horror (2014), no marco do ciclo Cine e Memoria II. Dirixido por Juan Miguel León Moriche e realizado por Antonio Bermejo Canua, o filme amosa o horror sufrido en La Sauceda (Málaga),  poboado bombardeado pola aviación e por columnas do exército franquista en 1936.

 La Sauceda  rodouse entre setembro de 2012 e marzo de 2013 coa colaboración do Foro pola Memoria do Campo de Gibraltar e a Asociación de Familiares de Represaliados polo franquismo en La Sauceda e El Marrufo.  Nel cóntase a historia deste val da serra que se estende polas provincias de Cádiz e Málaga, último bastión republicano na zona cando as tropas franquistas xa ocupaban todas as comarcas próximas. La Sauceda foi bombardeada e o poboado destruído para sempre pola aviación e catro columnas do exército franquista. Os supervivientes foron encerrados no Cortijo de El Marrufo, no termo de Jerez da Fronteira, onde cada día eran fusiladas cinco ou seis persoas. Cos testemuños dos entrevistados reconstrúese todo o sucedido naqueles meses do verán do 36 ao inverno do 37 e logo nárrase o labor realizado polo foro e a asociación desde 2011 para localizar as fosas comúns onde no verán de 2012 se exhumaron os cadáveres de 28 persoas.

Este documental é unha peza máis de todo o labor que, desde fai algúns anos, desenvolve o foro e a asociación para recuperar a historia do sucedido en La Sauceda.  Xa en 2011 realizaron as catas arqueolóxicas no Cortijo de El Marrufo, onde localizaron os restos de catro persoas enterradas en fosas comúns. No verán de 2012 realizaron as exhumacións dos restos de 28 persoas, ás que deron “un enterro digno no antigo cemiterio de La Sauceda”, segundo explican nunha nota de prensa. Este cemiterio foi tamén rehabilitado co traballo desas organizacións. A finais de 2013 lograron identificar trece das vinte e oito persoas cuxos restos foron exhumados en El Marrufo. Esa identificación foi posible grazas ás análises do ADN sacado dos seus restos óseos e a súa comparación co ADN das mostras de saliva tomadas ás distintas persoas das familias con antepasados desaparecidos en La  Sauceda que puideron  localizar.