href="/templates/ja_teline_iii/favicon.ico" rel="shortcut icon" type="image/x-icon" />
Martes, 2 Sep. 2014

Actualizado07:16:02 PM GMT

Estás en Canais Cultura Xornada de lectura compartida e lecer para os cativos co clásico A galiña azul de Carlos Casares.

Xornada de lectura compartida e lecer para os cativos co clásico A galiña azul de Carlos Casares.

Correo-e Imprimir PDF
rincon-infantil-gondomar

Os cativos da bisbarra terán a posibilidade de gozar dunha actividade onde a lectura vai canda o lecer. O club de lectura Lendo Contigo, da Asociación Espazo Lectura, celebrará o sábado 25 a sesión do mes de febreiro, que estará dedicada ao clásico infantil A galiña azul (Galaxia, 1968) de Carlos Casares. A actividade comezará ás 12:00 horas na biblioteca de Gondomar e será dun chisco diferente, chea de sorpresas relacionadas co autor e o conto de lectura.

 

O libro

Publicado por primeira vez en 1968, en A galiña azul o narrador vai recordando para unha nena amiga, Ana, algúns episodios vividos por ela na infancia, entre os que destacan as historias de Leoncio, o inventor da bomba da Felicidade e do "papaio", unha lingua para falar cos paxaros. Claro que o personaxe central é a Galiña Azul, á cal quere matar Manolito Listón porque, segundo di, unha galiña que en vez de dicir cacaracá di cocorocó e que ten cinco plumas encarnadas na á dereita, "non é unha galiña como é debido".

O autor

Carlos Casares Mouriño naceu en Ourense en 1941 e morreu en Vigo en 2002. Escritor e crítico literario, foi unha das personalidades máis importantes da cultura galega das últimas catro décadas. É autor de obras tan significativas como as novelas Ilustrísima e Os mortos daquel verán e os libros de relatos Vento ferido e Os escuros soños de Clío. Dirixiu a editorial Galaxia e a revista Grial ata o seu pasamento.

Carlos Casares é un autor que está moi presente en Gondomar, tendo un paseo que leva o seu nome e cunha escultura dedicada á galiña deste conto situada no parque da Coelleira.