Rosalía Pazó expón "Argumento(s) para unha farsa" na Aula de Cultura Ponte de Rosas.

Imprimir
capa

A Aula de Cultura Ponte de Rosas (sede do Instituto de Estudos Miñoranos) acollerá a mostra Argumento(s) para unha farsa, da artista plástica Rosalía Pazo. O acto inaugural -de carácter aberto- terá lugar o próximo venres 25 de maio de 2012, a partir das 20 horas. A presentación da exposición correrá a cargo da amiga da escultora, artista, teórica e comisaria, Mar Caldas.

 

Como é tradicional, logo da inauguración compartirase uns petiscos cun viño do país. Momento no que o público asistente poderá dialogar coa autora da mostra.

A exposición estará aberta ao público de luns a venres de 19 a 21 horas, ata o 6 de xullo de 2012.

A obra de Rosalía Pazo Maside (A Estrada, Pontevedra, 1956) ven sendo presentada en diversas mostras colectivas e individuais ao longo do país dende o ano 1981. Teñen obra súa no Museo Carlos Maside de Sada, A Coruña, en institucións oficiais e en centros de ensinanza de toda Galicia.

En Argumento(s) para unha farsa, Pazó presentará unha selección de traballos pertencentes a dúas series formal e conceptualmente ben diferenciadas mais cun fío condutor "na intención de conxurar, mediante a fabulación e a ironía, o estremecemento que provoca a presunta grandiosidade dun mundo intervido ata o cerne polo ser humano", en palabras da autora.

Para descargar o díptico informativo da obra preme aquí.