Venres, 19 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Crónica da entrega do V Premio Victoriano Taibo Entidade Local de Morgadáns.

Crónica da entrega do V Premio Victoriano Taibo Entidade Local de Morgadáns.

Correo-e Imprimir PDF
conchita-urbano

 

Nun acto marcado no emotivo pola poesía e as palabras da escritora Conchita Álvarez Lebredo e no espectáculo artístico pola obra de Victoriano Taibo, desenvolveuse a entrega do V Premio de Poesía Victoriano Taibo - Entidade Local de Morgadáns.  Rodeada por familiares, amigos e máis a presenza dun público que encheu as instalacións da Escola de Guillufe, Álvarez Lebredo, gañadora do certame, recibiu 3.000 euros en metálico aportados pola ELM, unha escultura do plástico Fino Lorenzo, e a impresión da súa obra galardoada Distancias e Simetrías, nunha edición de 500 exemplares ao coidado do Instituto de Estudos Miñoranos.

Esta V edición consecutiva do premio, estivo unha vez máis coordinada polo mestre Miguel Anxo Mouriño, encargado da Seccións de Literatura e Filoloxía do IEM, e como dende os seus inicios,  contou co respaldo da EML. Asistiron o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García; representantes do Concello de Gondomar, encabezados pola 2ªTenente de Alcalde Natalia Salgueiro; e os membros da xunta veciñal da Entidade Local de Morgadáns, presidida por Urbano Esmerode, e máis dun centenar de veciños da parroquia anfitrioa e da bisbarra do Val Miñor.

O Victoriano Taibo, unha excepción no panorama cultural do país.

"Son moitos os que sostén que a cultura non se come. E non se comerá...  pero alimenta que tamén é importante", afirmou a guionista de cine, teatro e televisión Araceli Gonda, veciña de Morgadáns e encargada da condución da velada. Salientou que agora que está de moda a frase "con la que está callendo" -aínda que a frase non é do seu gusto-, o Premio Victoriano Taibo constitúese como unha excepción "das que se poden contar cos dedos dunha man", no panorama cultural do país. Nese senso, agradeceu ás autoridades a súa presenza na premiación, aos artistas que de xeito desinteresado participaban do programa cultural, e especialmente aos veciños de Morgadáns porque "que sería desta cita sen a presenza dos veciños", salientou.

A presentación estivo precedida pola actuación do grupo Balcón do Miñor, elenco de músicos tradicionais xurdido en Morgadáns que animan a entrega de premios do Victoriano Taibo dende a súa primeira edición. Posteriormente tivo lugar a representación de "Os Polos de Rianxo", baseada no conto co mesmo título, autoría de Victoriano Taibo. Unha interpretación moi ben recibida polo público, representada polo grupo local de afeccionados Bertorella, dirixida polo mestre Luis Carballo.

Victoriano: "Rocha abafante, brava".

A continuación, a escritora Marta Dacosta fixo unha descrición da figura de Victoriano Taibo. Nela,  Dacosta cualificou a Taibo como un "poeta cívico e reivindicativo", aínda que esa vontade "non lle impediu construír unha obra literaria que tamén deixou pegada nas reivindicacións estéticas do seu tempo". Un escritor vencellado ás Irmandades de Fala, nomeado polo seu amigo Ramón Cabanillas como "meu irmán da loita eterna. Rocha abafante, brava". Para finalizar, Dacosta escolleu o poema Brua o mar, no marco do décimo aniversario da catástrofe do Prestige, un texto, sostivo a escritora, no que Victoriano aínda "nos está a falar".

Deseguido, leuse o veredicto do xurado no que se nomea a María Concepción Álvarez Lebredo como gañadora do certame e onde tamén fundamentase a eleccións do seu poemario Distancias e Simetrías, entre os máis de medio centenar de títulos presentados durante o chamado desta V edición.

Conchita Álvarez Lebredo: a poesía como "agarradorias" para loitar contra o esquecemento.

Visiblemente emocionada, Conchita Álvarez Lebredo, recibiu os premios do seu galardón de mans de Urbano Esmerode. Tras agradecer ao xurado do certame a elección da súa obra, falou brevemente da mesma, sinalando que intentou recoller as pegadas das instancias "fondas, dos momentos intensos da súa vida".  Agregou que "son asociacións mentais das que moitas veces non sabemos a que obedecen", pero que se poden materializar ás veces" nunha cor, nun monumento, nun son ou nunha forma xeométrica".

Nese senso matizou "podemos lembrar por exemplo o ruído do mar ou o chiflido dun móbil, a liña do horizonte ou a liña que separa os carrís da entrada", cousa nun "principio pouco importantes, pero que para min son como agarradoiras que me permiten loitar contra o esquecemento, revivir esas emocións. Iso foi nin máis nin menos o que pretendín". "Se alguén lendo algúns dos meus poemas é capaz de intuír as mías emocións ou o que sería aínda  mellor espertar as súas propias  emocións durmidas, eu estaría máis que satisfeita."

Para finalizar a súa intervención, a escritora premiada leu fragmentos de Distancias e Simetrías, o seu libro que como parte do premio vía a luz nese día.

A velada continuo co espectáculo artístico, esta vez a través da musicalización e interpretación de textos de Victoriano Taibo, a cargo do grupo Soño de Calíope, dirixida polo tamén veciño de Morgadáns, José Pérez.  Unha fermosa intervención na que vibraron os versos: Pé d'aquela fenestra, Noivados, Abala e Cacharelas.

Carlos Méixome: "Un Día das Letras Galegas para Victoriano Taibo!"

Chegando ao final da velada, Carlos Méixome (director do IEM), felicitou á gañadora do premio.  E nunha breve intervención sinalou que " Morgdáns non é aldea que é vila por obra de San Roque - San José e estamos aquí por obra e graza como vos dicía o ano pasado non por obra do espírito santo se non da Entidade Local de Morgadáns que fai posible este acto".

Tamén agradeceu a colaboración das empresas Agua Sana e Bodegas Val Miñor pola súa contribución á velada. Agregou que tiña o pedido da organización de "ser breve" polo que ía utilizar a máxima que din " Onde estea unha boa palabra de orde que se quite calquera discurso... Así que tres palabras de orden: Mil primaveras máis para a Entidade Local de Morgadáns ! Fóra as vosas sucias mans do Galiñeiro! E un día das Letras Galegas para Victoriano Taibo. "

Urbano Esmerode: O Victoriano Taibo "non é un premio político".

"O meu maior orgullo é representar a esta parroquia", afirmou Urbano Esmerode, na última intervención da noite. Salientou que este "non é un premio político, porque si o fora xa estaría escarallado". Nese senso destacou a importancia deste certame que fai coñecer á parroquia de Morgadáns en todo o país e adiantou a importancia que tería para a mesma a posibilidade de que algún día o Día das Letras Galegas estiveran dedicadas a Victoriano Taibo.

Dirixíndose aos representantes do Concello de Gondomar, presentes no acto, pediulles o seu apoio para facer máis forte o premio, nomeadamente no vindeiro ano cando se cumpra a súa VI edición. Nese senso, agregou que seguramente será un orgullo para todo o concello e non só para Morgadáns, ver tomar pulo ao certame.

Referiu á existencia "dalgunhas persoas" que non creen neste tipo de premios, nembargante mostrouse seguro que polo pulo que está a tomar o mesmo en todo o país, seguramente nun futuro próximo todos "quereremos abrazarnos ao Victoriano Taibo"