O Instituto de Estudos Miñoranos presentará o día 17 de maio ás 19:00 horas, no Auditorio Lois Tobío de Gondomar, un espectáculo de base teatral en homenaxe a Roberto Vidal Bolaño a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.
A vida de Roberto Vidal Bolaño estivo vencellada á dramaturxia galega, polo que o acto cultural estará integrado na súa totalidade por persoas vinculadas ao mundo do teatro. Nese senso, diversos grupos que operan no Val Miñor (Vichelocrego, Bertorella, Tranghallada, Non si? Teatro e Escola de Teatro da OMIX) aceptaron o reto de desenvolver integramente esta actividade dramática organizada polo IEM coa colaboración do Concello de Gondomar.
O acto consistirá nunha presentación, parcialmente dramatizada, da vida e obra do dramaturgo salpicada da interpretación de anacos dalgunhas das máis representativas obras do autor, así como da proxección de anacos de películas e series da TVG na que actúa como actor.