Sábado, 20 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Carne fresca. #DíaDaMuller

Carne fresca. #DíaDaMuller

Correo-e Imprimir PDF
rexina vega

Como unha presa, como o albo sobre o que queren acertar todas as dianas, frecha que se crava, pica que perfora, pao, corda, fusil, ela como centro, como caza, ela, a súa oquidade, o que lle falta o que non é, ese buraco negro, esa supurante regaña que con gusto cegaría, ela como as bonecas de plástico, lisura e dureza indestrutible, pero non, ela ten fenda, creba, cavorco e hai tempo que os homes danzan ao seu redor, osmando, cheirando, encirrándoa coas ramas das súas mans. Como queren invadila, succionala, devorala! como unha peza de boa carne fresca, moi fresca, volteala e abrirlle as pernas, arrincarllas, deixar ao aire a súa supurante regaña negra e furar alí con pauciños miúdos, con tubos enferruxados, con tripas grosas, un anaco de carne, unha poza rosada, iso é o que ela é para todos eses homes cos que se cruza, ao carón dos que senta no autobús, ante os que se abaixa no pupitre, ante os que implora, como o pai. E imaxina a violencia, centos de faíscas vermellas, anaquiños de músculo desfeito, triturados filetes. Carne sobre carne.

Porque ela é agora carne fresca no mercado, froita de tempada que todos queren consumir, nada do que vanagloriarse, abonda con esperar, este é un estado fuxidío, tránsito rápido, pero é agora, xusto agora, cando acaba de adquirir o máximo valor, cando menos quixera, non sabe que facer con esa atención que a borra, con esas bocas sen ouvidos prestas a devorala. Non lle permiten sentar, quedar tranquilamente na súa senda e contemplar a estrañeza do mundo. Ten que correr, ela está correndo para evitar ser comida, para non perderse nos turbios intestinos dos homes que a asexan.
Acaba de estrear a condición de presa.