Xoves, 25 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Espazo Lectura abre inscricións para participar da sesión de lectura pública o Día do Libro en #Gondomar.

Espazo Lectura abre inscricións para participar da sesión de lectura pública o Día do Libro en #Gondomar.

Correo-e Imprimir PDF
00 Dar de ler Cabeceira

Xa está en marcha a sétima edición do Dar de ler coma quen dá de beber, unha sesión de lecturas en voz alta para conmemorar o Día do Libro en Gondomar organizada pola Asociación Espazo Lectura. Este ano o acto terá lugar o venres 25 de abril entre as 20:00 e as 22:30 horas na Tapería Rural Ardora (San Sebastián, 4, Mañufe).

Como en ocasións anteriores preténdese reunir  arredor de 30 persoas nun espazo público para ler e escoitar, para compartir e recomendar as lecturas que nos gustan e celebrar así o Día do Libro lendo. A idade mínima para participar é de 14 anos.

Como se pode participar?

Débese escoller un fragmento dun libro, preferiblemente en lingua galega, cuxa lectura non exceda os 3 minutos (é importante cinguirse ao tempo). E finalmente comunicar  antes do luns 21 de abril o nome do participante, o libro e o autor escollido ao correo electrónico  Este enderezo de correo-e está a ser protexido de robots spamers, precisas activar o JavaScript para velo   ou chamar ao teléfono 637923703

 Para organizar máis facilmente o acto, débese engadir se prefire ler entre as 20:00h e as 21:15h ou entre as 21:15 e as 22:30h. A organización tentará, na medida do posible, aterse a esa elección e evitar en todo caso que haxa cambios durante a celebración do acto con respecto á orde fixada.

Sete anos percorrendo espazos públicos e festexando a Semana do Libro en Gondomar.

Dar de ler coma quen dá de beber é unha actividade que toma o seu nome dunha frase do escritor Álvaro Cunqueiro e que se leva a cabo no venres máis próximo ao Día Internacional do Libro. Consiste nunha lectura de textos, colectiva e en voz alta, que se realiza nalgún espazo público e na que participan arredor de 30 persoas, que len os textos elixidos por elas mesmas, co ánimo de sensibilizar a cidadanía sobre a importancia da lectura. Trátase dunha actividade itinerante, que busca levar a lectura a lugares nos cales habitualmente non está presente, apostando por abrir espazos e tempos para a lectura e por facer desta un lugar de encontro.

Os lugares elixidos en sesións anteriores para estas lecturas foron variados: Biblioteca Municipal de Gondomar (2008), Mercado de peixe e verduras de Gondomar (2009), xamonería Catro Camiños (2010 e 2011), cafetería Keik (2012). Cada ano un lema distinto vencellado co espazo escollido acompaña esta actividade.

A semana do Libro en Gondomar.

O acto adoita celebrarse ás 20:00 horas e enmárcase dentro da Semana do Libro, durante a que Espazo Lectura programa unha actividade diaria en Gondomar.

Os nomes dos participantes quedan recollidos nunha publicación.

Con motivo desta actividade, Espazo Lectura edita anualmente un número de Lecturas da Grampa que contén os títulos e autores dos libros recomendados, así como o nome de cada persoa lectora, exemplar que se reparte de xeito gratuíto durante o acto, de forma que o intercambio de lecturas sexa o máis efectivo posible.