Mércores, 24 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura O IEM convoca ao VII Premio de Poesía Victoriano Taibo Entidade Local de Morgadáns

O IEM convoca ao VII Premio de Poesía Victoriano Taibo Entidade Local de Morgadáns

Correo-e Imprimir PDF
Cartel-taibo 2014
Download this file (Convocatoria VII Certame de Poesía Victoriano Taibo.pdf)
  • Anterior
  • 1 of 2
  • Seguinte

O Instituto de Estudos Miñoranos e a Entidade Local de Morgadáns convocan o VII Premio de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local de Morgadáns ao que poderá concorrer calquera autor que envíe, antes do 31 de xullo de 2014, ao enderezo Apartado 30, 36380, Gondomar, un libro de poemas escritos en galego cunha extensión mínima de 300 versos. O premio está dotado con 3.000 €, unha peza escultórica do artista miñorán Fino Lorenzo, creada especialmente para este certame, e a publicación da obra premiada na colección Victoriano Taibo do IEM; o galardón será entregado nun acto cultural que se celebrará no edificio das Escolas de Guillufe (Morgadáns) na 2ª semana de novembro do mesmo ano.

Pódense consultar as bases no arquivo adxunto

As seis edicións anteriores acadaron importantes éxitos de participación e, nas obras galardoadas, de crítica. En todas seis a concorrencia estivo arredor dos 45 orixinais. Mentres na primeira, terceira, cuarta, quinta e sexta convocatoria o premio correspondeulle a unha obra individual (Carlos Negro con Cultivos Transxénicos, Mª Goretti Fariña con Devastacións dispoñibles, Calros Solla con Holocausto Zacoe, e Conchita Álvarez Lebredo con Distancias e Simetrías, e Ramón Sandoval con Territorios Estraños, respectivamente) na segunda o xurado decidiu conceder o premio ex aequo aos poemarios Cuarto Minguante, do que era autora Mª Carmen Caramés, e Biografía da Multitude, que resultou estar creado a dúas mans por Elvira Riveiro e Silvia Penas.

Victoriano Taibo

Victoriano Taibo foi unha figura sobranceira nos dous primeiros terzos do século XX. Mestre de profesión, tivo unha importante actividade cultural e foi membro da Real Academia Galega e do Instituto de Estudos Históricos do Minho. Publicou en vida os poemarios Abrente (1922) e Da vella roseira (1925) e a obra narrativa Da agra aberta, contos e lêndas (1956); deixou inéditos dous volumes de poesía, Abicedo e Cabrinfollas, que foron publicados en 2008 por Follas Novas, edición dirixida por Armando Requeixo; ademais conta con abundante obra espallada en diversas publicacións tanto galegas como da emigración americana. No ano 2008 recibiu unha homenaxe en Morgadáns, lugar onde exerceu a súa docencia durante 20 anos, organizada polo IEM, que con tal motivo reeditou Da agra aberta e publicou unha Revista monográfica sobre o personaxe que recolle interesantes aspectos da súa vida e obra.