Martes, 23 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Os veciños de Baiña despuntan a programación cultural do verán organizando o I Festival Intercéltico con artistas internacionais

Os veciños de Baiña despuntan a programación cultural do verán organizando o I Festival Intercéltico con artistas internacionais

Correo-e Imprimir PDF
O gaiteiro Anxo Lorenxo e o violinista irlandés Eoghan Neff

O virtuoso violinista irlandés Eoghan Neff, a icona figura da fusión celta & techno de Anxo Lorenzo xunto con bandas como Xarabal e Banda Baile Asalto xa serían suficiente cartel para convocar aos amantes da música a unha velada exquisita. Se engadimos a posibilidade de descubrir en escena a dous grupos centroamericanos que dan á música celta un sotaque propio o convite é irresistible. Así de potente se presenta o Festival Intercéltico que terá lugar na parroquia de Baíña (Baiona) o vindeiro venres 18 de xullo a partir das 21:30 no espazo do Centro Cultural da parroquia. Descubrimos o seus secretos nesta entrevista con Pilar Rodríguez, da organización do evento.

A idea do Festival naceu no grupo de música tradicional da parroquia”, salienta Pilar, presidenta da Comisión de Festas.  Engade que este ano o colectivo veciñal decidira iniciar varios proxectos de música tradicional, entre eles grupo de pandereteiras, percusión tradicional e gaita. “A idea de organizar un festival de música celta nos apetecía moito, e a pesar de ter poucos medios, decidimos esforzarnos para levar a cabo esta proposta”.

Confesa Pilar que ao principio pensaron nun evento con “xente da casa”. De feito o cartel do festival podía contar con artistas recoñecidos, xa que Samuel Macías, o mestre de pandeireta de Baíña é vocalista e bouzuokista de Banda Baila Asalto. Á vez que Abraham Fernández, profesor de gaita no centro dirixe actualmente a Banda de Gaitas Xarabal. Mais algúns sucesos fixeron virar o festival cara a un desafío maior na súa oferta cultural, tamén no organizativo.

A verdade é que foi todo sobre a marcha” sinala Pilar. Abrahan tiña contactos cos músicos de Costa Rica e “sabíamos que eles querían viaxar a Galicia este verán para promocionarse e aproveitamos esta coincidencia. O mesmo sucedeu co violinista Eoghann Neff  -violinista de Anxo Lorenzo-, sabíamos que estaría en Galicia e contactamos con el.”

A festa promete e por si fora pouco non deixa espazo para escusas: todo de balde. “Este festival se organiza dentro das Festas pola honra á Santa Mariña. Esperamos que a xente disfrute moito das actuacións e que se anime a mercar participacións para o sorteo dunha gaita”. Pilar refire a unha rifa coa que os organizadores intentarán facer fronte aos gastos do encontro musical. “Desde aquí facemos un chamamento, agradecemos todas as axudas que nos podan ofrecer para seguir ca proposta do Festival para o próximo ano.”

VM- Que aspectos salientarían do programa e da festa que ofrecerá o Festival Intercéltico?

Penso que para ser a primeira vez que o organizamos non temos un mal cartel: Eoghan Neff é un violinista moi coñecido en Irlanda, fixo xiras mundiais co espectáculo "The Riverdance", gravou Bandas Sonoras (La legión del Águila) e aquí todos o coñecemos por acompañar a Anxo Lorenzo. Seisiún é un grupo costarricense de rapaciños que tocaron con artistas de primeira liña da música celta como Tony McManus ou o grupo Solas. Peregrino Gris son os "Milladoiro costarricenses", no seu país meten 15.000 persoas en un concerto. Tocaron con Andy Irvine (se pode considerar o patriarca da música celta en Irlanda). Banda Baile Asalto é un grupo apadriñado por Rodrigo Romaní (Milladoiro), Uxía Senlle ou Eliseo Parra, os mellores! Da Banda de Gaitas Xarabal, que este ano fan o 30 aniversario, saíron gaiteiros da talla de Carlos Núñez, Budiño, Anxo Pintos, Anxo Lorenzo...

O festival confirma a capacidade de xestión veciñal no Val Miñor, cara a propostas que apostan por ir máis alá de repetir vellas e gastadas fórmulas culturais. Segundo nos conta Pilar, a proposta seduzo a outros colectivos veciñais achegados á parroquia como a Comunidade de Montes e o propio Centro Cultural que apoiaron a iniciativa. Tamén La Caixa achegou o seu para facer posible un festival destas dimensións. “A verdade é que se trata da primeira vez que organizamos un evento de estas características”, matiza Pilar, mais queda claro que cando as propostas valen non se está solo.

Dim lights Embed Embed this video on your site