Xoves, 18 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura A deseñadora de traxes tradicionais Patricia González pecha a Semana Cultural de Peitieros.

A deseñadora de traxes tradicionais Patricia González pecha a Semana Cultural de Peitieros.

Correo-e Imprimir PDF
centro cul peitieiros

Este venres 22 de agosto ás 20:00h. no Centro Cultural remata a Semana Cultural organizada polo Centro Cultural de Peitieiros, cun charla e mostra do Traxe tradicional a cargo da deseñadora e costureira de traxes tradicionais galegos Patricia González. Os seus traxes teñen aires renovados, mais mantendo a esencia do século XIX e principios do XX. Patricia González tamén elabora fundas de moitos instrumentos musicais, entre eles gaitas. Esta costureira da parroquia de Saiáns, en Vigo, leva 18 anos impartindo clases de costura tradicional. Patricia González tamén é pandereteira e integrante do grupo Zurrumalla.

Presentación do XXI Festival Folclórico Internacional

A Semana Cultural que remata este venres é o preludio do XXI Festival Folclórico Internacional que se desenvolverá no adro de Peitieiros o sábado 23 de agosto. O Festival comezará xa ás 12 da mañá con obradoiros diversos de baile e música abertos á participación de quen quixer achegarse. Os obradoiros serán de 12 a 14 horas durante a mañá e de 17:00 a 19:00 pola tarde e serán impartidos polos propios grupos participantes.

Programa do Festival

A partir das 20:00h desenvolverase a parte central do Festival que abrirá o grupo anfitrión, Ecos e Agarimos. O grupo Ecos e Agarimos é a escola de música tradicional e baile do Centro Cultural de Peitieiros e conta con máis de 20 anos de traxectoria.

Contarase tamén coa participación do Rancho Folclórico CCR São Simão de Gouveia, procedente do concello de Amarante, no distrito de Porto (Portugal). A continuación actuarán as Pandereteiras Airiños do Sobreiro da Asociación de Veciños de Borreiros (Gondomar).

Poñerá o broche ao Festival o grupo Xistra de Coruxo (Vigo), unha formación musical que naceu en 1988 como agrupación que pretende estudar, divulgar e actualizar as melodías tradicionais do Sur galego. En todos estes anos Xistra ten actuado en todo o noso país, mais tamén en toda Europa, tendo publicados xa cinco discos. O último en ver a luz: "A Charurga" será presentado en Peitieiros.

"A Charurga" é un disco con 16 temas en que Xistra volve propoñer un novidoso xeito de difundir a música popular galega. Como eles mesmos manifestan "son melodías e ritmos popularizados por cuartetos, murgas, charangas e mesmo por aquelas incipientes orquestras da primeira metade do século XX que neste proxecto da Charurga da Xistra aparecen unificadas, reharmonizadas e reinterpretadas dun xeito libre."

Xistra de Coruxo promete diversión e troula, os mellores ingredentes para rematar o XXI Festival Folclórico Internacinal de Peitieiros, pois " O "produto-xistra" é de marcado matiz bailable e participativo; o que fai dos seus directos unha verdadeira incitación á troula e ao disfrute”

O XXI Festival Folclórico Internacional de Peitieros conta coa colaboración do Concello de Gondomar e a Comunidade de Montes de Peitieiros.