Presentación da novela gráfica “A causa do crime” coa presenza de Alfredo López, “Tokio”.

Imprimir
a causa do crime

O vindeiro venres 5 de setembro terá lugar a presentación da novela debuxada A causa do crime (Demo Editorial, 2014), nova obra de Alfredo López “Tokio”, a poucos días de saída do prelo. 

Tras falar da obra e a súa historia, terá lugar unha sesión de sinaturas do autor ao final do encontro. O acto será presentado polo tamén debuxante, Evaristo Pereira, e dará comezo ás 20:30 horas na Aula de Cultura Ponte de Rosas, na Avenida da Feira, nº 10, baixo, Gondomar.

Tokio, autor de banda deseñada e biólogo mariño, asina unha obra de ficción de importante carga política, que publicou inicialmente por entregas en 1987, no xornal A Peneira. Recuperada agora con nova aparencia gráfica e argumento ampliado, supón unha ollada xenuína ás inquedanzas de boa parte da sociedade galega dos oitenta. A historia, protagonizada por unha muller, inclúe temas como os movementos sindicais, o terrorismo e a corrupción política dos anos oitenta, coa banda sonora da Movida viguesa de pano de fondo.

O álbum contén un enlace a Spotify e referencias dos temas musicais que inspiraron o autor para a realización do álbum.