Xoves, 28 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Convocan ás compañías galegas de artes escénicas para a nova edición de Galicia Escena PRO

Convocan ás compañías galegas de artes escénicas para a nova edición de Galicia Escena PRO

Correo-e Imprimir PDF
8mm teatro

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pon en marcha unha nova edición do mercado galego de artes escénicas Galicia Escena PRO, que se celebrará do 3 ao 5 de novembro de 2014 en Santiago de Compostela co obxectivo de impulsar e dinamizar a contratación dos espectáculos producidos en Galicia.

As funcións diríxense a programadores, distribuidores e promotores culturais que se desprazarán á capital de Galicia para presenciar persoalmente as últimas montaxes das compañías galegas e conformar a súa selección cara ás contratación da temporada. O público xeral tamén poderá gozar de boa parte desta carteleira nos recintos con capacidade en número de butacas superior aos profesionais acreditados.

A través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), abriuse con este motivo unha convocatoria pública destinada ás compañías profesionais galegas de teatro, danza, novo circo e maxia interesadas en participar, que teñen de prazo para enviar as súas propostas ata o vindeiro 30 de setembro.
Galicia Escena PRO 2014 exhibirá ata 23 espectáculos, 11 deles coa súa duración completa e outros 12 nun formato 'showcase' reducido a un máximo de 20 minutos, que se representarán en cinco escenarios composteláns: a Sala A e a Sala B da SGAE/Fundación Autor, o auditorio da Fundación Abanca, o Salón Teatro e o Teatro Principal.

Estreas entre outubro de 2013 e novembro de 2014
Para que a súas propostas poidan ser tidas en conta pola comisión de selección que se nomeará ao efecto, as compañías deberán enviar á Agadic no prazo estipulado o modelo normalizado de solicitude (descargable na sección de avisos de www.agadic.info). Aceptaranse unicamente traballos estreados entre outubro de 2013 e novembro de 2014 e cada compañía poderá preinscribir os seus espectáculos de xeito independente nas dúas modalidades de representación.

A primeira edición de Galicia Escena PRO celebrouse o pasado ano coa asistencia de máis de 50 programadores e axentes culturais galegos. O evento, herdeiro da antiga Feira das Artes Escénicas de Galicia, perfilou a súa dobre vertente como escaparate para impulsar a contratación dos espectáculos galegos e como plataforma para promover unha maior visibilidade social da actividade escénica.