Xoves, 28 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Construíndo o futuro dos medios “enteiros en galego”.

Construíndo o futuro dos medios “enteiros en galego”.

Correo-e Imprimir PDF
Boa-presencia-na-charla-sobre-os-medios-en-galego-da-EOI

A Escola de Idiomas de Santiago de Compostela acollía onte, 13 de novembro, unha mesa redonda baixo o título “Os medios, enteiros en galego”. E alí, como reprentante dos novos medios comarcais unidos na Asociación de Medios en Galego, ficaron Ubaldo Cerqueiro, responsable de Quepasanacosta, acompañado por Aurélio Lopes (Irmandade TV), Olalla Rodil (Sermos Galiza), Xurxo Salgado (Galicia Confidencial) e Raul Riós (Novas da Galiza).

Máis de 20 persoas achegáronse a escoitar a situación dos medios galegos dende dentro. Problemas como o financiamento, profesionalización, precarieriedade, compromiso, modelos de negocio, estrutura… foron conceptos que foron saíndo nas intervencións dos poñentes, deixando patente que “As administracións públicas son as culpables da situación dos medios galegos”, polo inxusto reparto das axudas, por exemplo, de normalización.

I é que a precarización tanto nos grandes transatlánticos da comunicación galega como nos pequenos é unha realidade. E unha das culpables é a Xunta, que “leva aportando axudas millonarias ano tras ano aos seus 4 grupos de comunicación, para manter un sistema narcotizado do poder”. Nese sentido, puxéronse exemplos sobre a mesa tanto desas axudas fraudulentas, como da “desvalorización do produto informativo”, unha vez que agora as rotativas imprimen notas de prensa e pouco traballo de investigación.

Cerqueiro aportou a súa visión da necesidade da información “hiperlocal”, que fai de QPC o portal de referencia na Costa da Morte, aproveitando ademais a comunidade creada e facendo do xornalismo cidadán unha realidade, así como as características da zona, como é a forza social do Fútbol da Costa ou do verbeneo. E recordou que a rede é fundamental para facer útil, e por tanto noble, a lingua galega.

Sobre se estamos a falar de “medios alternativos”, parece triste ser alternativo por escribir en galego. A realidade é que os medios presentes teñen un carácter crítico e comprometido, e esa visión difire dos medios relacionados co poder, dependentes das administracións, que fan máis un “xornalismo de gabinete, de copia e pega”. A necesidade dunha información crítica quedou patente.

Unión

Falouse da Asociación de Medios en Galego (AMEGA), da que os 5 medios forman parte (Irmandade TV está en proceso de adhesión) como un pequeno paso para unir forzas. Algún oínte prantexou a posibilidade de unirse nunha fronte común, pero saíron exemplos negativos como aquel Xornal que naceu da man do Bipartito, comezando a casa polo tellado, e que desaparecía cando se pechou a villa das axudas públicas.

A unión faise a día de hoxe en termos de asociacionismo e colaboracións, como propia AMEGA, traballando por unha nova Lei de Publicidade Institucional ou por un xusto reparou das axudas de Normalización, ou como colaboración que mantemos QPC e GC a día de hoxe, compatindo información. “Só pedimos que nos dean o que nos corresponde, nin máis nin menos”, asegura Salgado, vicepresidente da AMEGA. “Se as axudas fosen xustas, en función dos datos, se cadra a día de hoxe só sobrevivíamos os desta mesa, pois non hai que esquecer que os medios como La Voz, Faro, Atlántico, Progreso, o Diario de Bergantiños… están en serios problemas económicos, con EREs e demais”, recordaba.

Viabilidade dos proxectos

A venda de publicidade online, o modelo de suscricións, a venda de exemplares en papel, un modelo mixto… Na mesa estaban prantexados todos os modelos de negocio posibles nestes tempos. QPC e GC, así como Irmandande TV son meramente dixitais, tendo GC unha plataforma de pago por contidos.

”Foi un erro acostumar á xente a que a información por internet en de balde”, recoñecían os poñentes, que asumían tamén que a sociedade non está aínda “madura” para asumir eses costes. “A sociedade xa ten maioría de idade, e quere medios en galego, pero o problema é que moitos aínda non os coñecen”, apuntaba Rodil.

Cataluña e a lusofonía

A charla estivo marcada pola presencia dun lector de Catalán, que comparou as diferentes realidades da lingua nos dous países. Nun galego exemplar a pesar de levar só 2 meses, dicía: “Cando cheguei fun preguntar a un quiosco por un periódico en galego, e alucinei, porque me dixo que non había, que só tiña un semanario chamado Sermos. En Cataluña temos moitos xornais en catalán, ata El País vén de abrir o seu dixital ao catalán.

Deu no clavo cando analizou que “en Cataluña levamos 30 anos de inmersión lingüística nas escolas, o pilar da estruturación dunha sociedade, e iso permite que toda a poboación estea preparada para consumir produtos na súa propia lingua”. Unha realidade ben distinta da galega, como valoraban tamén os ouvintes, na que “A Consellería de Educación é a grande inimiga”.

Quedou non tinteiro analizar as posibilidades que nos ofrecen os outros galegos do mundo, como o brasileiro ou o portugués. Raúl Riós, do Novas da Galiza, xornal mensual que escribe en grafía reintegracionista próxima ao portugués, ten claro que esta vía aínda está por explotar, pero que explotará.

Do medio colaborador Que Pasa Na Costa