Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura A RAG pide a inclusión da toponimia tradicional como Concepto de patrimonio cultural inmaterial

A RAG pide a inclusión da toponimia tradicional como Concepto de patrimonio cultural inmaterial

Correo-e Imprimir PDF
toponimia-borreiros

A Academia Galega critica que o proxecto de Lei para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial non inclúa os nomes tradicionais de lugar.
A toponimia é o tesouro dun país, especialmente, cando é deturpada e se usa outra lingua Bayona, Panjón, La Coruña, El Ferrol, Villagarcía, Rianjo, Arteijo ou Melliz para definir topónimos históricos. Tamén é fundamental para entender o desenvolvemento da historia e da cultura dun pobo porque define lugares concretos, montes e mesmo leiras que teñen e tiveron unha relación física co territorio. Por iso, para conservar esta riqueza cultural e tamén para evitar deturpación que se produce co uso do español para topónimos en galego, a RAG pediu a inclusión da toponimia tradicional como 'Concepto de patrimonio cultural inmaterial'.


Con este fin, a Academia dirixiuse formalmente ao Congreso dos Deputados ,a través dos grupos parlamentarios, para que tomen en consideración a súa proposta, e tamén a distintas institucións galegas, nomeadamente a Xunta e o Parlamento de Galicia, para que fagan as xestións que estiveren na súa man para apoiar a dita solicitude.
"A toponimia, ou conxunto das denominacións propias dos lugares, representa unha parte ben importante do patrimonio inmaterial dos pobos, recoñecida como tal por parte dos organismos culturais internacionais", apunta a RAG nun comunicado.
Nestes días, o Congreso dos Deputados está a preparar o Proxecto de Lei para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial. Neste proxecto (Título I, art. 2) recóllense case literalmente como manifestacións deste patrimonio os ámbitos que establece a Convención para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial da Unesco (outubro, 2003; art. 2.2). "Pero, lamentablemente, non se inclúen os nomes tradicionais de lugar", apunta.
Por iso, a Real Academia Galega considera que cómpre unha mención explícita na devandita lei dos nomes xeográficos, sen prexuízo de que no desenvolvemento posterior desta se establezan figuras concretas de protección para a toponimia e, por tanto solicita a inclusión expresa da toponimia tradicional na definición do "Concepto de patrimonio cultural inmaterial".
Precisamente, a RAG lembra que este precioso rexistro dos xeitos de asentamento e de relación das comunidades humanas cos respectivos territorios ao longo de séculos e milenios é "especialmente rico en Galicia", debido á elevada densidade e á extrema dispersión da poboación, así como á íntima vinculación que esta ten establecido co territorio desde tempos inmemoriais.
A copiosísima toponimia galega garda o arquivo dos distintos pobos que se teñen asentado na nosa terra desde a prehistoria, e deste xeito preserva unha información de valor incalculable para o coñecemento do noso pasado. "Non obstante, como consecuencia das transformacións aceleradas que sofre o medio físico e os cambios na organización, habitación e mesmo da vivencia do espazo nas sociedades actuais, na actualidade este tesouro corre un grave perigo de deterioración ou perda irreparables", engade a Academia. Por iso, considera que a protección da toponimia é "asunto especialmente sensible para Galicia".
A RAG lembra que o Grupo de Expertos de Nacións Unidas para os Nomes Xeográficos (United Nations Group of Experts on Geographical Names), na súa conferencia 28, estableceu os criterios de valoración dos nomes xeográficos en tanto que elementos do patrimonio cultural inmaterial. Ademais, este Grupo declarou que os topónimos son "parte integral do patrimonio cultural intanxible (ICH, Intangible Cultural Heritage)", xa que "constitúen compoñentes esenciais das linguas e conservan formas que evidencian a súa evolución" e porque "son valiosas testemuñas da historia e dos modos de vida pasados ou actuais".
Do xornal colaborador GaliciaConfidencial