Xoves, 28 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Cea e TERTULIA do IEM con Xurxo Souto

Cea e TERTULIA do IEM con Xurxo Souto

Correo-e Imprimir PDF
Xurxo-Souto1

Músico, escritor, locutor, produtor e unha multitude de oficios vencellados á comunicación enxoian a traxectoria de Xurxo Manuel Souto Eiroa (Galicia, 1966), protagonista da vindeira TERTULIA do IEM. O arqueólogo Xosé Lois Vilar será o encargado de presentar ao convidado  este venres 12 de decembro ás 20:30 horas, na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avenida da Feira Nº10, baixo, Gondomar).

Tamén como é tradicional, despois do acto aberto ao público en xeral haberá unha cea coa persoa convidada que terá lugar no Pazo da Escola de Mañufe Gondomar á que se poderá asistir facendo a correspondente reserva de praza no teléfono 986 360 575 ou ben no correo electrónico oficina@ minhor.org  . 

Na música e nos medios

Licenciado en Filoloxía Clásica, acadou sona como líder e vocalista da banda bravú "Os Diplomáticos de Monte-Alto" entre 1990 e 2001, e polo seu labor de difusión da música galega de agora e sempre en diversos espazos radiais e como subdirector de programación da Radio Galega (2005-2009). Outra das súas facetas a destacar é a de escritor. Ademais de ter cinco libros publicados, ten colaborado con artigos en diferentes publicacións, como a revista Bravú.

Dende 1986 comezou a traballar en diversos programas de radio en galego, sendo o máis coñecido e lonxevo A tropa da tralla, xunto a Aberto por reformas e Mil ribeiras, na Radio Galega.  En outubro de 2003 participou, xunto con Manuel Rivas, na reinauguración da emisora comunitaria Cuac FM (A Coruña), da que ambos se converteron en padriños e socios de honra. Recentemente formou o grupo musical "Os 3 Trebóns", onde se encarga da voz e mais do acordeón. Tamén traballou como actor en producións galegas como a serie de éxito Mareas vivas ou o telefilme Entre bateas, de Jorge Coira.

Narrativa

En 1995 comezou a publicar na Editorial Xerais as súas series de relatos A tralla e a arroutada (1995), Fumareu ( 1997) Contos da Coruña (recompilación de artigos, 2001) Tres trebóns (2005) e o recente Contos do mar de Irlanda (2014). Na mesma casa editorial publicou en 1999 a novela  O retorno dos homes mariños.