Xoves, 28 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura “Os Melómanos” do baionés Víctor Lorenzo agasallan aos gañadores dos premios da música Martín Códax.

“Os Melómanos” do baionés Víctor Lorenzo agasallan aos gañadores dos premios da música Martín Códax.

Correo-e Imprimir PDF
vitor

Os e as premiadas recibiron as fermosas estatuíñas realizadas especialmente para o evento polo escultor e músico Víctor Lorenzo.  Artista nacido en Baiona en 1968, reside e traballa na actualidade no Val Miñor. Cada un dos gañadores nas 18 categorías convocadas por esta edición dos Premios Martín Códax levaron unha como recoñecemento pola súa achega á musica galega en 2014.

O Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu o pasado mércores a entrega dos Premios Martín Códax da Música, organizados pola Asociación de Músicos Ao Vivo, que completaron a súa segunda edición. Máis de 700 persoas asistiron á gala, que foi dirixida por Chévere e conducida por As Fillas Bravas, cun obxectivo claro: reivindicar a presenza da muller na música e no mundo. O espectáculo, de feito, pechouse coa interpretación do tema Matriarcas de Guadi Galego, que cantou acompañada no escenario por ducias de mulleres músicas ás que se sumaron tamén no final todos os premiados e premiadas desta edición.

Nas 18 categorías foron premiados e premiadas artistas e bandas de longa traxectoria, coma Nao, Los Satélites ou Sumrrá, e outros máis recentes coma Sub Rosa ou Cuarteto Caramuxo. En ningunha das categorías se repetiu gañador ou gañadora dende a edición do pasado ano. Estreáronse ademais novos apartados para recoñecer a actividade de salas, festivais e medios de comunicación, premiando a Aturuxo, Festigal e Planeta Furancho.

Os galardóns, consistentes nas fermosas estatuíñas de madeira realizadas polo escultor Víctor Lorenzo (bautizadas como Os Melómanos) foron entregados por artistas tan consagrados coma Abe Rábade, Mercedes Peón, Susana Seivane, Gloria Mosquera, Santi Cribeiro, Pablo Novoa, García MC ou Sonia Lebedinsky. Ademais, a formación N.H.U. recibiu o Premio Honorífico Músicos Ao Vivo, que recoñeceu un "proxecto musical avanzado ao seu tempo, aglutinador dunha xeración de músicos inquedos, inconformistas e entregados a un proxecto minoritario, underground e carente de referentes próximos" e que "trazou novas formas de facer música nunha Galicia recén saída da ditadura franquista".

Nesta edición inscribíronse un total de 360 proxectos (307 grupos, 14 salas, 21 festivais e 18 medios de comunicación). No seu discurso de clausura, o voceiro de Músicos Ao Vivo, Xacobe Martínez Antelo, reivindicou “un mundo onde a empresa privada non vinculada ó sector cultural, sexa quen de investir en cultura, en música de proximidade, sen complexos, con orgullo, con intelixencia e con amor ó propio, un mundo onde o corazón e a ilusión teñen un oco privilexiado nos balances anuais, onde as administracións públicas, as políticas e os políticos están ó servizo das ideas, por riba de fronteiras competenciais, de siglas, ou bandeiras"

Lista de premiados e premiadas

Pop e indie: Ataque Escampe

Rock: Cró

Blues, funk & soul: Cats and Monkeys

Jazz e músicas improvisadas: Sumrrá

Hip-Hop e músicas urbanas: Wöyza

Música clásica e contemporánea: Orquestra Vigo 430

Folque: Cuarteto Caramuxo

Música tradicional galega: Davide Salvado

Músicas do mundo: Dos fíos invisibles chegan as cores

Canción de Autor: A Cada Canto

Música infantil: Pablo Díaz e a Banda Tic Tac Toc

Electrónica: Sub Rosa

Metal: Nao

Reggae, Ska & Mestizaxe: Zamaramandi

Orquestras, grupos e música de verbena: Los Satélites

Premio Organistrum Salas: Aturuxo

Premio Organistrum Festivais: Festigal

Premio Organistrum Espazos de Comunicación Musical: Planeta Furancho

Coa colaboración do xornal Praza Pública.