Xoves, 28 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Deportes Prepárase a Nigrán Area, unha competición nas praias para atletas profesionais e afeccionados.

Prepárase a Nigrán Area, unha competición nas praias para atletas profesionais e afeccionados.

Correo-e Imprimir PDF
trotar

O Concello de Nigrán anunciou o lanzamento da primeira edición da competición Nigrán Area, a celebrarase o vindeiro domingo 14 de agosto nas praias de Panxón e de Praia América. O evento está dirixido a atletas profesionais así como afeccionados. Os organizadores do evento pretenden atraer a todos os atletas galegos e portugueses, pero tamén a visitantes e nigranenses amantes do atletismo.

Na súa primeira edición, a Nigrán Area limitará a súa participación a 600 corredores populares, sen contar as categorías inferiores, que poderán inscribirse desde mañá xoves 21 de xullo ata o vindeiro xoves 11 de agosto, tres días antes da celebración do evento. Nesta edición, o percorrido da carreira constará de 6.000 metros aproximadamente, e desenvolverase nunha superficie eminentemente plana, con saída e chegada na mesma praia.

Como novidade, a Nigrán Area estará tamén aberta aos máis pequenos, co deseño de percorridos especiais adaptados á súa idade e posibilidades. Para iso, habilitaranse tres percorridos: de 500 metros para benxamins, de 1.000 metros para alevíns e 2.000 metros cadetes, en categorías masculina e feminina. As inscricións poderanse realizar a través da Oficina de Turismo do Concello de Nigrán Dunas de Gaifar, e terán un custo de 3 euros por persoa. Os máis pequenos -menores de 14 anos- estarán exentos do pago da matrícula. Os participantes deberán recoller os seus dorsais, así como as bolsas de cada corredor cedidas pola organización, unha hora antes do comezo da carreira.

A organización entregará medallas aos tres primeiros clasificados de cada categoría, así como do cómputo xeral da carreira.

Na rolda de prensa da presentación da Nigrán Area estiveron presentes o alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, a concelleira de Turismo, Cultura e Deportes, Liliana Silva, o Vicepresidente da Federación Galega de Atletismo, Eleuterio García Rodríguez, e Pablo Louro, Delegado da área de Pontevedra de GADISA, e German Arteta, distribuidor de GOVIVA en Galicia, ambos os patrocinadores da carreira, xunto con Begano CocaCola.