Éxito da Agrupación Deportiva Vincios nos campionatos de España de tenis de mesa.

Imprimir
tenis-mesa-vincios-campiona

-Martín Pintos Barreiro e Lucía Graña Molina, da A.D. Vincios, gañan un lugar no podio dos Campionatos de España de Tenis Mesa.

 

O pasado sábado 23 de febreiro comezaron en Pontevedra os Campionatos de España de Tenis de Mesa en todas as categorías. Durante 9 días preto dun milleiro de deportistas pasaron polo Recinto Ferial de Pontevedra para disputar os campionatos nacionais tanto en categoría masculina como feminina.

Desde os máis pequenos en categoría benxamín ata absoluta tomaron parte nas probas individuais, dobres e de equipos que se puxeron en xogo.

A competición iniciouse coas probas Absolutas, Persoas con Discapacidade Física, Alevín e Xuvenís que se desenvolveron ata mediados de semana disputándose as primeiras finais de equipos o domingo. Unha vez concluídas estas probas deron comezo as das categorías Sub-23, Infantil, Benxamín e Persoas Con Discapacidade Intelectual que se desenvolveron o último fin de semana.

Como prato forte e dentro das probas absolutas o sábado e domingo, 23 e 24 de febreiro, disputáronse a Copa do Rei e a Copa da Raíña.

A participación masculina máis numerosa estivo en categoría xuvenil con 147 representantes seguida de sub-23 e infantil con 104. En feminina xuvenil con 60 e 48 en Sub-23 son as máis destacadas. Un total de 40 áreas de xogo foron instaladas no Recinto Ferial de Pontevedra para disputar durante estes 9 días en sesións de mañá e tarde as distintas probas.

Martín Pintos Barreiro subiu ao segundo caixón do podio como Subcampión de España Infantil Individual masculino. Vencendo en oitavos ao catalá Joan Masip (4-2), enfrontouse en cuartos ao valenciano Víctor Segui e en semifinais ao madrileño Carlos Vedriel, gañando ambos partidos cun axustado e disputado 4-3. Na final e dirixido polo seu adestrador Nigel Webb tivo diante ao madrileño Rodrigo Cano quen se proclamaría Campión ao cabo.

Doutra banda, Lucía Graña Molina, como xogadora da Agrupación Deportiva Vincios, subiu ao podio por primeira vez o pasado domingo nuns Campionatos de España como Semifinalista en Dobres Feminino Infantil, formando parella coa xogadora Belén Sañudo do Club Cidade Narón Tenis de mesa.

Esta era a primeira vez que ambas xogadoras competían xuntas e a experiencia foi moi positiva xa que se compenetraron moi ben. Dirixidas polos seus adestradores Antonio Gregorio (A.D. Vincios) e Cristobal Fernández (Cidade Narón) lograron un posto no podio que se vendía caro dado o alto nivel deste campionato. Celebrado nos seus dúas anteriores edicións na cidade de Almería, volveu disputarse este ano no Recinto Ferial de Pontevedra, onde xa no 2009 acolleu ao Campionato de España Infantil e Xuvenil, promocionando así un deporte espectacular e que engancha a quen o proba.

Non foron os únicos xogadores da A.D. Vincios en participar nestes campionatos. Desde benxamíns ata Sub 23 os xogadores do club non desaproveitaron a oportunidade de participar nuns campionatos que se nos presentaban próximos xeograficamente e competiron facendo gala dun bo nivel de xogo .