Máis de 200 crianzas gozaron dunhas xornadas de convivencia deportiva en #Gondomar.

Imprimir
convivencia

A Concellaría de Deportes do Concello de Gondomar organizou esta semana, por terceiro ano consecutivo, a Convivencia Olímpica para nenos e nenas de Educación Infantil. Máis de 230 nenos e nenas, de entre 3 e 6 anos, procedentes dos distintos centros de educación infantil e CRA do Concello participaron nesta xornada que, debido ás condicións meteorolóxicas, tivo que trasladarse do campo municipal de As Cercas ao Pavillón Municipal.

Dende as 9.00 ás 13.00 horas, os rapaces e rapazas puideron gozar de distintas actividades e xogos como carreiras de sacos, relevos, xogos de coordinación e xogos tradicionais.

O evento de convivencia deportiva foi creado co xeito fomentar o deporte escolar e a integración e colaboración nos cativos, salientan dende o Concello. "Esta xornada é unha boa ocasión para impulsar entre os nosos nenos todo tipo de actividades físico deportivas, á vez que se fomentan valores de respecto e esforzo," recoñece Natalia Salgueiro, concelleira de Deportes do municipio. Salgueiro agradece a inestimable colaboración do profesorado dos centros educativos e do persoal do Concello, así como dos equipos de fútbol participantes, que fixeron posible esta III Convivencia Olímpica.