Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Economía A excepción de Baiona, o paro medra no Val Miñor por riba da media provincial e autonómica.

A excepción de Baiona, o paro medra no Val Miñor por riba da media provincial e autonómica.

Correo-e Imprimir PDF
Oficina de Emprego do Val Miñor
A crise do emprego convértese mes a mes no drama maior das familias e veciños da bisbarra. Febreiro botou 81 persoas máis ao paro, elevando -segundo datos oficiais- a 4.816 o número de desempregados no Val Miñor, alcanzando case o 16% da súa poboación activa . Gondomar segue á cabeza cun total de 1.780 casos, pero Nigrán foi o máis afectado neste mes con 51 despidos laborais. Mentres a media do incremento do desemprego en Galicia foi dun 1,25%, e dun 1,55 na provincia de Pontevedra, en Nigrán alcanzou o 2,97% e en Gondomar o 1,66%. Baiona rexistrou un caso máis con respecto ao mes de xaneiro, situándose moi por de baixo destes promedios.

 

En cifras absolutas, no concello de Gondomar hai 1.780 persoas desempregadas, 1.765 en Nigrán e 1.271 en Baiona. O peso do desemprego varía de tomarse en conta a poboación activa de cada municipio ( persoas entre 16 e 64 anos), sendo o caso de Gondomar o máis comprometido ao chegar nestes momentos ao 18,01%. Nesa liña, Baiona atópase no 14,86 % e Nigrán no 14,38%.

Paro por sector nos tres concellos

Baiona: Dos 1.271 casos de desemprego, 37 corresponden ao sector rural, 160 ao industrial, 208 á construción, 714 a servizos e 152 casos son de persoas na pescuda do seu primeiro posto de traballo.

Gondomar: Paro rexistrado 1.780 persoas. Ao sector rural corresponden 29 casos, 355 á industria, 372 á construción, 743 a servizos e 281 son demandates por primeira vez.

Nigrán: Con 1.765 casos, 38 son do eido rural, 257 da industria, 267 da construción, 921 do sector servizos e 282 demandantes por primeira vez.