Xoves, 25 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Economía A Deputación abre tres obradoiros gratuítos para pequenos comerciantes cara ás ventas do Nadal.

A Deputación abre tres obradoiros gratuítos para pequenos comerciantes cara ás ventas do Nadal.

Correo-e Imprimir PDF
EPSN0780

A Deputación de Pontevedra lanzou hoxe unha convocatoria para autónomos e pequenas empresas do eido comercial de tódala provincia, cara a un conxunto de obradoiros gratuítos de formación dentro do programa "Vender máis Nadal" . O talleres desenvolveranse nun "espazo inspirado nun escenario de vendas real", montado na nova aula-taller de formación que a Deputación de Pontevedra vén de habilitar no 2º andar do Edificio administrativo.

 

As actividades se levarán adiante as fins de semana para "maior compatibilidade coa xornada laboral comercial", informa dende Turismo Rías Baixas, organismo encargado da coordinación. Con esta iniciativa, a Deputación informa que intenta apoiar a dinamización deste sector que "representa o 82% da actividade comercial da nosa provincia, o que supón unha presenza moi relevante no seu tecido produtivo", sinalan na resolución publicada hoxe no BOP.

Poderán ser beneficiarios destes obradoiros formativos os empresarios autónomos e os propietarios e titulares de sociedades mercantís dedicadas ó pequeno comercio que desenvolvan a súa actividade na provincia de Pontevedra e cuxos establecementos comerciais non traballen baixo o modelo de negocio de franquía e/ou cadea comercial.

PROGRAMA FORMATIVO

"Renova o teu comercio Low Cost", 28 e 29 de outubro

Programa de formación consultivo, creativo e 100% práctico dirixido ós pequenos comerciantes que queiran mellorar o atractivo comercial do seu negocio cun baixo investimento. Máximo 12 alumnos

"Espazos que venden", 4 e 5 de novembro

Obradoiro práctico de escaparatismo e paquetería de Nadal centrado no traballo da animación comercial estacional como elemento estratéxico e clave dinamizadora das vendas. Máximo 15 alumnos

"O teu comercio en Nadal", 11 e 12 de novembro

Obradoiros prácticos de escaparatismo, decoración e paquetería de Nadal, cos que os comerciantes aprenderán a crear decorados capaces de atraer de xeito eficaz a atención dos clientes co obxectivo de incrementar as súas vendas. Máximo 15 alumnos

"O teu comercio en Nadal", 18 e 19 de novembro

Máximo 15 alumnos

"O teu comercio en Nadal", 25 e 26 de novembro

Máximo 15 alumnos

LUGAR E PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES

As solicitudes presentaranse no rexistro xeral da Deputación de Pontevedra: Pazo provincial na Avda. Montero Ríos, s/n (de luns a venres de 8:30 a 14:30 h e de 17:00 a 19:00 h; e sábado de 9:00 a 13:00 h). Sede Vigo: Rúa Oporto, 3 (de luns a venres de 9:00 a 13:00 h). Ou por calquera dos procedementos establecidos no art. 38.4 da lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo límite para a presentación das solicitudes será o luns da mesma semana na que teña lugar o seminario ou obradoiro no que o solicitante se inscriba.

SELECCIÓN DE PARTICIPANTES

As prazas para participar en cada un dos obradoiros completaranse seguindo o criterio de orde de entrada das solicitudes no rexistro xeral da Deputación de Pontevedra. Cada persoa poderá tomar parte nun único obradoiro desta convocatoria. De presentar máis dunha solicitude terase en conta a que resulte beneficiaria do primeiro obradoiro que se desenvolva.

Para cada un dos obradoiros formativos elaborarase unha lista de agarda composta por 10 persoas máis. O luns da mesma semana na que se leve a cabo publicarase na páxina web da Deputación de Pontevedra a listaxe de admitidos.