Xoves, 28 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Economía Un proxecto de produción de shiitake será presentado ao público polos comuneiros de Couso.

Un proxecto de produción de shiitake será presentado ao público polos comuneiros de Couso.

Correo-e Imprimir PDF
shiitake

Nos montes de Couso (Gondomar) agroma un novo proxecto produtivo baseado nun cogomelo coñecido mundialmente como shiitake (Lentinus edodes). Especie rica en proteínas, e cunha tradición milenaria de explotación, comercialización e consumo en Asia, rexistra gran demanda tanto no eido gastronómico como da medicina. A Comunidade de Montes de Couso destinou mil metros cadrados a unha plantación experimental capaz de producir próximo a dúas toneladas destes fungos. A dez euros o quilo no mercado, a aposta amosa máis que interesante para estes comuneiros que levan máis de tres anos traballando nesta iniciativa. O vindeiro sábado 13 de setembro ás 17 horas, terá lugar unha presentación no Centro Veciñal de Couso, aberta ao público, onde a bióloga María Caslderrey Quiñones (Hifas da Terra) dará detalles deste emprendemento. Posteriormente ás 18:30 horas haberá unha visita guiada á zona de produción, guiada polos comuneiros.

Tres anos de traballo e atrancos
Xosé Antón Araúxo Rodríguez, presidente da CM de Couso, sinala que dentro da defensa da explotación multifuncional do monte que están a desenvolver, presentaron esta iniciativa en xullo de 2011 no AGDR18. A proposta foi desestimada en outubro de 2012. Convencidos da importancia deste proxecto volveron a intentalo o mesmo ano. En abril de 2014 a administración autonómica finalmente aprobouno.
Salienta Araúxo que este tipo de proxectos produtivos "achegan ingresos alternativos á venda de madeira e permiten a creación de postos de traballos estables". Obxectivos que os comuneiro perseguen a prol de maior beneficio económico e social para a parroquia. A tal fin, e á espera dos resultados da plantación experimental, adianta que existe unha reserva no seu plan quinquenal de 21 mil metros cadrados máis para ampliar a produción do shiitake.